luns, 22 de maio de 2017

PENSIÓNS.FUTURO







 

UGT presenta en Santiago a campaña en defensa do presente e futuro das pensións

UGT ven de por en marcha en todo o Estado a campaña “Por un sistema de pensións, público e sostible. Defender as pensións é cousa de todos” que hoxe foi presentada en Santiago en rolda de prensa polo secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas, Valentín Tato, e polo responsable de Política Sindical, Emprego e Seguridade Social de UGT-Galicia, Luís Baneira.
Tato explicou que no marco desta campaña, que se vai desenvolver en todo o Estado, están programadas tres grandes marchas cara Madrid protagonizadas por xubilados e pensionistas que partirán de tres puntos o día 10, Córdoba, Zaragoza e Oviedo, e ás que se lles irán sumando compañeiros do Sindicato. Concretamente, Galicia unirase á de Asturias en Benavente o día 15. O obxectivo é confluír en Madrid o día 22 cunha gran concentración-acampada na Porta do Sol.
O fin desta campaña é que se fagan visibles os problemas dos pensionistas e a súa situación que cada día é máis precaria, consecuencia das políticas de austeridade e recortes impostas polo Goberno do PP.
Neste senso, dende o Sindicato denúnciase que Galicia é unha das Comunidades que soporta unha realidade máis complexa cun terzo dos seus pensionistas que non superan os 500 euros ao mes e a metade que perciben tan só a pensión mínima.
Dende UGT faise fincapé na defensa do sistema público de pensións que a dereita minou nestes últimos anos co interese de abrir máis o negocio aos fondos privados. Hai que lembrar que o sistema de Seguridade Social é un dos principais elementos
de distribución da riqueza. Nos peores momentos da crise foron moitas as familias que conseguiron subsistir e non cruzar o limiar da pobreza grazas aos máis maiores da casa, grazas ao ingreso das súas pensións.
Pola súa banda, Luís Baneira criticou duramente a nefasta xestión que do sistema público de pensións fixo o Goberno do PP. Unha xestión que pon en perigo a Seguridade Social. Os ingresos á Seguridade Social afundíronse non só como consecuencia da crise, senón tamén das políticas laborais aplicadas (reforma do 2012) que acentuaron a perda de emprego e provocaron unha das maiores devaluacións salariais da UE.
A isto hai que sumarlle a caída da cobertura das prestacións por desemprego e que se lle teña outorgado reducións das cotizacións sociais ás empresas con cargo aos ingresos da Seguridade Social.
Todo isto con pleno coñecemento de que esas políticas provocaban o afundimento dos ingresos da Seguridade Social. O PP decidiu mantelas e compensar a intensa caída de ingresos con disposicións masivas do Fondo de Reserva ata esgotalo neste exercicio xa por completo.