Arranca de Santiago a marcha galega por unhas #PensiónsDignas para confluír o 9 en Madrid co resto das marchas
Máis de 2.000 persoas acompañan á delegación galega polas rúas de Santiago ata San Lázaro
Onte,
ás 11.00 horas, reuníronse en Santiago, fronte á sede da Xunta,
máis de 2.000 persoas para acompañar á marcha galega por unhas
#PensiónsDignas que parte hoxe andando da capital galega para chegar
o día 9 a Madrid e confluír alí co resto das marchas procedentes
do resto do Estado nunha gran concentración na Porta do Sol.
Tras unha asemblea, na que interviñeron os secretarios xerais de UGT
e CCOO en Galicia, na comarca e nas respectivas unións de xubilados,
as máis de 2.000 persoas convocadas partiron en manifestación ata
San Lázaro onde a delegación galega da marcha xa comezou a súa
andaina en solitario.
Mañá, repetirase o mesmo esquema en
Lugo, onde a delegación de xubilados e pensionistas galega,
acompañada de compañeiros de UGT e CCOO de Lugo, participarán
nunha asemblea ás 11.00 horas na Praza Maior da cidade lucense e
partirán en manifestación por varias rúas da cidade. Xa na
confluencia Avenida de Madrid, Rúa Pardo Ouro e Rúa das Artes,
retomarán a marcha a pé en dirección a Ponferrada.
Xa a partir do día 4 camiñarán
dende Benavente, onde confluirán coas marchas procedentes de
Asturias e Castela e León, ata chegaren o día 9 a Madrid para
participar na gran concentración convocada na Porta do Sol.
Con esta acción, os sindicatos tratan de xerar debate social na contorna da problemática sobre o presente e futuro das pensións neste país, a rede máis potente de protección social e que dá cobertura non só aos 9 millóns de persoas que perciben unha pensión, senón a moitas familias que a día de hoxe dependen delas. De feito, o 40 por cento das pensións cobren por completo as súas respectivas unidades familiares.