A pesar de que a economía medre un 3,2%, segue a haber unha profunda crise de emprego
O desemprego medra en Galicia un 1,62 por cento, máis que no conxunto do Estado
Os
datos do paro publicados hoxe evidencian un incremento do 1,62 por
cento en Galicia, 2.932 persoas desempregadass máis que no mes de agosto,
medrando por enriba do que sucede no resto do Estado, onde o
crecemento foi do 0,82 por cento. Os datos referidos á afiliación á
Seguridade Social tampouco son bos, situándose a afiliación en
992.260 persoas, caendo en 6.631, un 0,66 por cento no mes. Unha
evolución contraria á do resto do Estado, onde aumenta un 0,14 por
cento.
A isto, os altos niveis de paro, con 184.057 persoas desempregadas en
Galicia, hai que sumarlle altos índices de desprotección, un abuso
inxustificado da contratación temporal que, xunto coa moderación
salarial, están conducindo á economía e á sociedade cara un
modelo de desenvolvemento desequilibrado. Ademais, con empregos e
salarios precarios non se poden ter pensións decentes.
A mellora da calidade do emprego e das rendas do traballo, neste
contexto, é fundamental para consolidar un crecemento económico
para todos, que non exclúa ás familias. Non é xa un problema só
de presente, senón tamén de futuro. Con este modelo laboral,
estanse creando unhas bases débiles que poden conducir a este país
a unha nova crise e están xerando unha sociedade máis pobre para
afrontar o futuro.