mércores, 5 de decembro de 2018

EMPREGO



 

 

Precariedade no emprego e no desemprego

A contratación indefinida non chega nin aos 10 puntos e a cobertura por desemprego é de tan só 53,7 puntos e máis da metade perciben prestacións de carácter asistencial

Os datos do paro publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego, correspondentes ao mes de novembro, amosan que o número de desempregados acadou as 170.369 persoas en Galicia, con 625 persoas máis que no mes anterior (un 0,37%, fronte á baixada do 0,06% do resto do Estado), o que amosa que, de novo, a estacionalidade marca as estatísticas debido a que finalizou a temporada vacacional e novembro aínda non enganchou cos contratos de nadal. Isto tamén evidencia que o mercado laboral galego non consegue unha consolidación estrutural e que as súas subas e baixadas son produto de factores sempre conxunturais. No ano o desemprego baixou un 9% (16.806 persoas menos).
UGT incide na debilidade do sistema produtivo, baseado en actividades estacionais, moi ligadas a trimestres como o verán e o nadal.
Tampouco se pode esquecer que, detrás do aumento da ocupación (20.714 afiliados máis nun ano), séguese atopando un elevado nivel de emprego precario, temporal e parcial, só o 9,56% dos contratos foron indefinidos.