UGT e CCOO lamentan a catástrofe forestal que asolaga Galicia e transmiten o seu pesar ás familias das vítimas
Hai liñas de traballo que ambos
sindicatos veñen reiterando xa dende hai anos e que non terminan de
implementarse, por moito que cada certo tempo Galicia teña que ser
vítima dunha catástrofe como a vivida estas últimas horas.
Urxe poñer en
marcha medidas estratéxicas para incorporar o monte ao
desenvolvemento rural de Galicia, entendendo o desenvolvemento
rural coma un factor clave de prevención dos incendios forestais. É
pensar en futuro adoitando solucións estruturais a un praga que nos
persegue ano a ano.
O monte ten que ser un recurso posto
ao servizo da creación de riqueza no medio rural, xerando materias
primas renovables, empregos de base rural e rendas paralelas ás da
agricultura e gandería para agricultores, gandeiros e silvicultores.
É urxente afrontar o deseño dunha
política forestal en colaboración cos propietarios, onde haxa sitio
para tódalas especies, tendo en conta que hai dous millóns de
hectáreas de monte e que hai diversas condicións de chan e de
capacidade produtiva para planificar o aproveitamento forestal.
É evidente que Galicia debe dotarse
dun novo modelo de servizo de defensa contra lumes forestais, xa que
o actual dispositivo non pode responder a unha relación “máis
lume – máis traballo”. O dispositivo debe ir integrado na nova
proposta de xestión do monte. O persoal dedicado á prevención e á
limpeza do monte debe estar traballando todo o ano para xerar riqueza
forestal.
Trátase de darlle vida a un sistema
con brigadas permanentes, con medios e recursos sofisticados,
dotación económica suficiente que cubra todas as necesidades dos
traballadores dos servizos implicados de cara a aumentar a súa
autoestima, fomentar a súa profesionalización e salvagardar a súa
saúde. Nin que dicir que os recursos aéreos e terrestres teñen que
ser suficientes.