xoves, 29 de decembro de 2016

PERMISO DE PATERNIDADE

 
UGT valora a entrada en vigor, o 1 de xaneiro, da lei que amplía a duración do permiso de paternidade a 4 semanas pero lamenta que tarde 9 anos en facerse realidade. O sindicato afirma que aínda estamos lonxe dos países máis avanzados nesta materia, reclama políticas para igualar as condicións laborais das mulleres e facilitar a corresponsabilidade compartida. Demanda ao Goberno a ampliación progresiva dos permisos de maternidade e paternidade; unha educación en igualdade, universal e pública para a atención de menores de 0 a 3 anos, con infraestruturas adecuadas, servizos e centros públicos de atención infantil e de persoas dependentes, garantindo recursos suficientes e persoal especializado. 
Esixe, ademais, a derrogación da reforma laboral, que prexudicou gravemente ao emprego e a conciliación da vida laboral e familiar de todos os traballadores e traballadoras, obstaculizando a negociación colectiva e a instauración dos plans de igualdade nas empresas. Instrumentos esenciais que hai que reactivar para conseguir un mercado laboral máis equilibrado, xusto e igualitario.  
UGT valora positivamente a entrada en vigor da Lei 9/2009 de 6 de outubro, que amplía a duración do permiso de paternidade a 4 semanas, pero lamenta que se tardou 9 anos en alcanzar un dereito comprometido na lei 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes.  
Despois de seis anos pospondo a súa entrada en vigor, e de nove anos nos que se acordou a ampliación progresiva deste dereito na Lei de Igualdade, por fin os traballadores que sexan pais a partir do 1 de xaneiro de 2017 poderán gozar de 4 semanas ininterrompidas de permiso de paternidade en caso de nacemento, adopción ou acollida, ampliables en dous días máis a partir do segundo fillo ou filla en caso de nacemento, adopción ou acollemento múltiple. 
Este dereito que se poderá gozar a xornada completa ou parcial, é exclusivo dos pais traballadores (ou outro proxenitor en caso de parellas do mesmo sexo) e a diferenza do permiso de maternidade, non poderá ser cedido á nai en ningún caso.