Entre outras, unha das constantes do mercado laboral galego que lle preocupa ao
Sindicato é a continua precarización do sistema de protección ao
desemprego que perde 22,9 puntos de cobertura en relación ao ano
2010. Isto é froito do progresivo desmantelamento do sistema de
protección por desemprego, consecuencia das fortes políticas de
axuste impostas polo Goberno do PP. Este é un feito que,
evidentemente, incrementa o risco de pobreza e exclusión social
entre os fogares.
Outros feitos para mencionar:
- Fenda por sexos en termos de desemprego. Por sexos, segue a constatarse unha significativa brecha en termos de desemprego. As mulleres representan o 57,8% do total do desemprego. O paro baixa entre as mulleres nun 3,3%, fronte ao 4,36% no caso dos homes. En termos interanuais sucede o mesmo, o desemprego baixa nun 13,4% no caso masculino e nun máis discreto 7,9% no caso das mulleres.
- Por sectores de actividade, tamén se rexistra unha baixada do desemprego. Onde máis se contrae en termos relativos é na construción, un 4,39%; un 3,94% no sector servizos; un 3,71% no primario; un 2,9% na industria; e entre o colectivo de sen emprego anterior nun 2,79%.
- En termos anuais o descenso tamén é acusado no conxunto de actividades. Así, baixa nun 20,6% na construción; na industria nun 12,7%; e no primario, nun 12,8%. Non obstante, en termos absolutos, a maior caída dáse no sector servizos, 10.678 persoas menos no desemprego, pola terciarización da economía.