xoves, 22 de febreiro de 2018

MARZO, 8.






 

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a secundar a folga de dúas horas por quenda o 8 de marzo para loitar contra a discriminación laboral, económica e social das mulleres

A responsable de Igualdade de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, acompañada polo secretario xeral do Sindicato, José Antonio Gómez, xunto cos seus homólogos no S.N. de CCOO de Galicia ofreceu hoxe en Santiago unha rolda de prensa na que presentou o 8 de marzo, Día internacional da muller, e a folga de dúas horas por quenda convocada para esta data contra a discriminación laboral, económica e social das mulleres.
Mónica Rodríguez fixo fincapé, na súa intervención, en que as desigualdades persisten, por iso, a situación obriga a este 8 de marzo ir máis aló coa convocatoria dunha folga de dúas horas por quenda, concretamente, entre as 00.00 e as 2.00 na quenda de noite; entre as 12.00 e as 14.00 na de mañá; e entre as 19.30 e as 21.30 na de tarde, co fin de facilitar a participación de toda a cidadanía nas mobilizacións convocadas nas principais cidades galegas de cara a última hora da tarde.
Rodríguez denunciou que, en vez de mellorar, constátase un claro retroceso na situación das mulleres, as reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades. E, na suposta recuperación da economía, se ao conxunto da cidadanía lle custa participar, aínda máis ás mulleres.
A realidade urxía dar un paso máis. O 77 por cento dos contratos a tempo parcial os soportan as mulleres; máis de 20.000 mulleres en Galicia acceden a unha redución de xornada por verse na obriga de asumir responsabilidades familiares; as mulleres soportan menores taxas de actividade e de ocupación; maiores taxas de temporalidade; son vítimas da segregación horizontal; e case a práctica totalidade das excedencias ou reducións de xornada por coidado de menores ou maiores son solicitadas por mulleres.