Galicia viviu esta mañá unha nova xornada
de loita e reivindicación na que a cidadanía mobilizouse nas cidades e
vilas de Ferrol, Santiago, Lugo, Celeiro, Ourense, Pontevedra e Vigo para
reclamar salarios dignos,emprego estable e recuperación de dereitos
sociais. A concentración de A Coruña terá lugar hoxe a partir das 20.00
horas.
As mobilizacións,convocadas por
UGT e CCOO, dan continuidade á campaña sostida no tempo iniciada en
decembro, que proseguiu os días 19 e 22 de febreiro e agora chegou ao
día 23.
Ambos sindicatos denuncian que
este país leva tres anos de crecemento económico e as previsións para
os vindeiros anos din que continuará a tendencia.Increméntanse os
beneficios empresariais pero, por que as melloras non chegan ás familias
traballadoras?.
CCOO e UGT denuncia
que os problemas creados polos recortes non se corrixen, ao contrario,
agrávanse. Aumenta a precariedade laboral, as desigualdades e a pobreza.
Non se percibe vontade política para reverter esta situación e o
diálogo social bipartito e tripartito non avanza.
Goberno
e organizacións empresariais, coa súa inacción e co goteo continuo de
actuacións regresivas, pretenden que a clase traballadora siga perdendo
rendas e calidade de vida. UGT reclama diálogo social pero a falta de
implicación e compromiso leva á mobilización para avanzar en defensa dos
dereitos dos traballadores.
Por todo
isto, hoxe reclamouse nas rúas galegas subas salariais para garantir o
poder de compra das familias e a derrogación das reformas laborais que
descompuxeron o mercado laboral e outorgaron un poder desmesurado aos
empresarios na negociación colectiva.
Os
sindicatos tamén demandan restablecer a prioridade do convenio
sectorial como mellor garantía para defender as condicións de traballo
das persoas asalariadas; aumentar as pensións conforme ao IPC para que
os pensionistas non continúen perdendo poder adquisitivo. En definitiva,
hai que recuperar os dereitos sociais e laborais arrebatados aos
traballadores nos últimos anos.
Os
recortes dos servizos públicos esenciais, das prestacións sociais e da
sanidade,a educación e as pensións, por exemplo, afectan a todos os
cidadáns e non poden illarse do que sucede nas empresas, onde aumenta a
precariedade do emprego, os salarios baixan e perden poder adquisitivo e
atácanse os dereitos laborais.
Sobran
razóns para a mobilización. UGT e CCOO din si a negociar, a mellorar os
salarios, a máis e mellor emprego, a traballos dignos e a un reparto
máis xusto da riqueza. Dicimos si porque é de xustiza.