luns, 10 de febreiro de 2014

ALIANZA SOCIAL. MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA. 27 DE FEBREIRO.

MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA. 
27 DE FEBREIRO AS 20:00 P.M. 
NA ALAMEDA.

                                                                    
                                                    
                                                                    
                        

A Alianza Social Galega convoca mobilizacións "Por outra saída da crise" para o vindeiro día 27 de febreiro


A Alianza Social Galega convoca mobilizacións para o vindeiro 27 de febreiro en varias localidades galegas baixo o lema ?Por outra saída da crise?, buscando unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos de Galicia e do Estado español. Así o anunciaron os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez; da CIG, Xesús Seixo; e do S.N. de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, que compareceron esta mañá en rolda de prensa acompañados de representantes doutras organizacións que forman parte da Alianza Social Galega.

Haberá manifestacións nas sete principais cidades e previsiblemente nalgunhas vilas, contra as 20:00 horas


A Alianza Social Galega subliña que nunha conxuntura con 271.500 persoas en situación de desemprego e case co 45% que carecen de coberturas, o Goberno da Xunta presenta un Orzamento que non contén medida ningunha para reactivar a actividade económica e o emprego.
Denuncia que os gobernos de Rajoy e Feijoo impoñen cada día novos e constantes recortes, entre os que salienta unha reforma laboral estéril e moi prexudicial para os traballadores, cun novo paquete de medidas que flexibiliza e desregula o contrato a tempo parcial; recortes nas pensións; retrocesos no ensino público; agresións á sanidade pública; paralización e marcha atrás na aplicación da Lei de Dependencia; privatización dos servizos públicos municipais; un ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres; a implantación dun estado policial coa reforma da Lei de seguridade cidadá e do Código penal; a reforma da Lei hipotecaria, insuficiente e que non contén solucións estruturais; un conxunto de políticas que van cara a desertización do rural e destrución do medio; e o progresivo desmantelamento da política pública de cooperación ao desenvolvemento.
Ante esta crítica situación, a Alianza Social Galega fai un chamamento ao conxunto da sociedade para que saia á rúa masivamente a manifestar a súa oposición a estas políticas e a reclamar outras máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e galegos e non só a aqueles que provocaron a crise.
As mobilizacións terán lugar nas sete cidades, o día 27 de febreiro contra as 20:00 horas. Segundo se adiantou na rolda de prensa, a Alianza Social Galega intentará que se convoquen tamén mobilizacións en vilas pequenas que aínda están por confirmar.