luns, 5 de agosto de 2013

O PARO EN GALICIA. OPINIÓN.




                                                                                                                               


                                                                                                                                                                                                                                                                          UGT-Galicia considera positiva a baixada do desemprego, aínda que alerta sobre os factores estacionalidade e precariedade que empañarían os bos resultados


Os datos do desemprego, feitos públicos hoxe e referidos ao mes de xullo, son certamente bos en todo o Estado, cunha baixada do 1,4 por cento, e, especialmente, en Galicia, cunha diminución do 4,51 por cento. Quedando así o paro nesta autonomía en 261.102 desempregados e 4.698.814 no resto do Estado.

Non é necesario que o Consello de Ministros de hoxe analice unha reforma laboral ineficaz e estéril que non acaba coa dualidade na contratación, empeora a calidade do emprego e rompe o equilibrio nas relacións laborais

Das 12.332 persoas menos apuntadas no INEM, unha alta porcentaxe pasan a ocupar empregos precarios propios da época do ano e parte da baixada é froito do efecto abandono do paro, pola emigración ou polo desánimo

Santiago, 2 de agosto de 2013.- Os datos do desemprego, feitos públicos hoxe e referidos ao mes de xullo, son certamente bos en todo o Estado, cunha baixada do 1,4 por cento, e, especialmente, en Galicia, cunha diminución do 4,51 por cento. Quedando así o paro nesta autonomía en 261.102 desempregados e 4.698.814 no resto do Estado.

Non obstante, UGT-Galicia considera que, aínda que saudando os resultados, hai que ter en conta de que mes estamos a falar, o mes de xullo, no que as contratacións de cara á temporada estival, tanto no sector servizos como o comercio, ou incluso novas contratacións noutros sectores para cubrir períodos vacacionais das plantillas ordinarias poden confundir a realidade do mercado laboral que segue a ser bastante negativa con indicadores moi preocupantes.
A taxa de cobertura de desemprego en Galicia está en niveis mínimos, cada vez son máis os mozos que saen do mercado laboral e o emprego é cada vez máis precario. UGT-Galicia insiste en que non haberá recuperación sen cambio de políticas, tanto dende o Goberno da Xunta, como o de España e do UE. Hai que incentivar o emprego de calidade e o crecemento, reforzar as políticas activas de emrpego e implementar accións específicas para os máis mozos. Porque existen alternativas e estas pasan por un cambio da estratexia de austeridade exrema que nos está afundindo.
En relación ao Consello de Ministros que se está a reunir hoxe en Madrid, á vista de que teñen previsto facer unha avaliciación do funcionamento da reforma laboral no seu ano e medio de vida, e como previsiblemente pretenderán relacionar os bos datos do paro deste mes co resultado da reforma, dende UGT-Galicia pídeselle ao señor Rajoy e ao seu Goberno que non enganen máis á cidadanía e non fagan encaixe de bolillos coas estatísticas. Primeiro, como xa se di ao comezo desta nota, xullo é un mes que tradicionalmente ofrece moi bos datos en materia de emprego pola temporada estival pero é que o Executivo non pode obviar que se trata dun emprego temporal e que na maior parte dos casos non é nin a tempo completo. A avaliación da reforma laboral xa está máis que feita mes a mes cunha análise minuciosa das estatísticas tanto do INEM como da EPA. A reforma laboral fracasa porque non consigue acabar coa dualidade na contratación, empora a calidade do emprego, rompe o equilibrio das relación laborais a favor da parte empresarial, dándolle total liberdade á hora de acometer os despedimentos, e está a crear unha estrutura salarial cada vez máis prexudicial para os traballadores cunha caída en picado do peso das rendas do traballo, do 3,3 por cento en Galicia, a comunidade que rexistra o descenso máis forte.
Xa entrando de cheo na análise dos datos ofrecidos hoxe polo INEM, hai que precisar que en termos interanuais o desemprego en Galicia medra un 0,35 por cento e no conxunto do Estado un 2,43 por cento.
Por sexos, o paro baixo mensualmente nos dous, un 4,7 por cento entre os homes e un 4,4 por cento entre as mulleres, aínda que estas últimas seguen a ser o colectivo máis prexudicado, representan o 51,2 por cento dos desempregados. Interanualmente, o paro medra o 0,33 por cento entre os homes e o 0,37 por cento entre as mulleres.
ENTRE OS MÁIS MOZOS O PARO DIMINÚE POR CONTRATOS TEMPORAIS E A TEMPO PARCIAL E POLO EFECTO DESÁNIMO QUE OS OBRIGA Á EMIGRACIÓN
En relación aos máis mozos, os menores de 25 anos, o paro diminúe nun 3,13 por cento no mes e baixa ata o 17,34 por cento no ano. O descenso do paro neste colectivo explícase por dúas causas, aqueles que entran no mercado laboral con contratos temporais e a tempo parcial e polo efecto da emigración, todos aqueles que buscan emprego noutro lugar.
Aquí hai que facer fincapé en que este proceso de emigración da xeración mellor preparada do país vai producir a medio prazo unha perda importante de capacidades produtivas da nosa economía moi dañinas para o desenvolvemento futuro e a sostenibilidade das finanzas públicas.
Por provincias, no mes, na que máis descende o desemprego é en Lugo, o 6,11 por cento; o 4,37 por cento en Pontevedra; o 4,34 por cento en A Coruña; e o 4,16 por cento en Ourense. En relación a hai un ano, destaca o crecemento do 2,7 por cento en Lugo; menores subas en A Coruña, o 0,28 por cento, e do 0.08 por cento en Pontevedra, e cae en Ourense, o 0,5 por cento.
Por sectores, cae en todos salvo no de sen emprego anterior. Destacando en termos absolutos en servizos, baixando en 8.498 desempregados, e a baixada en termos relativos no primario, o 9 por cento.
Interanualmente, destaca o forte crecemento no primario, o 19 por cento e nos servizos, o 4,7 por cento. Resulta un bo dato a caída na construción, o 5,7 por cento, e na industria, o 4,4 por cento. Tamén resulta destacable, pero por outros motivos, a caída no colectivo de sen emprego anterior, do 11,4 por cento, porque saen do desemprego.
En materia de contratos, rexistráronse nas oficinas do emprego no mes de xullo de 2013 un total de 84.295, o que supón un incremento do 41 por cento. En relación a hai un ano o aumento foi do 8 por cento.
Os contratos indefinidos suben un 21,6 por cento e os temporais un 42,5 por cento, unha mostra máis da conxuntura estival na que se enmarcan. De feito, a porcentaxe de contratación indefinida cae fortisimamente, ata o 5,7 por cento. No ano medran os temporais o 8,4 por cento e os indefinidos o 3,3 por cento.
A TAXA DE COBERTURA POR DESEMPREGO CONTINÚA BAIXANDO E A CONTÍA DAS PRESTACIÓNS TAMÉN DIMINÚE
En relación ás prestacións por desemprego, hai en Galicia en xuño de 2013 un total de 152.029 beneficiarios. A taxa de cobertura continúa caendo e sitúase no 60,6 por cento, cando hai un ano era do 64,4 por cento.
Ademais, tamén cae a contía media da prestación contributiva de desemprego aos 795,4 euros ao mes, somos a terceira comunidade coa menor contía. Tamén hai que subliñar que cada vez son máis os parados que non reciben ningún tipo de axuda estando en forte risco de exclusión social.