O número de ocupados sitúase en Galicia en 1.083.000 persoas, 13.000 menos que no trimestre anterior, o que supón unha baixada dun 1,2%. Pola súa banda, a cifra total de desempregados subiu en 11.000 persoas (7,56%), moi por enriba do 3,79% do resto do Estado. Así, o número total de desempregados é en Galicia, segundo a EPA, de 156.800. Queda así a taxa de paro en Galicia no 12,6%.
Esta crise non finalizará co fin do Estado de Alarma. Para UGT-Galicia, é imprescindible continuar aplicando medidas económicas e laborais que protexan ás persoas que perderon o seu emprego, non poden acceder a un ou víronse afectadas por unha redución de ingresos. É urxente poñer en marcha unha renda mínima conxuntural e extraordinaria que de cobertura ás familias que quedaron fóra do escudo de protección social e ata que se faga realidade unha Lei de ingreso mínimo vital.
Ademais, resulta imprescindible soster o apoio ás empresas, en especial ás pemes, co fin de evitar a destrución do tecido produtivo e do emprego. Por iso, UGT-Galicia esixe a extensión e favorecer as medidas de axuste temporal (ERTE) para salvagardar a existencia das empresas e dos empregos durante a desescalada. Se non é así, todo o esforzo realizado irase polo sumidoiro e destruirase o emprego que conseguimos preservar e as empresas desaparecerán[…]