Un
trimestre máis, os datos da EPA amosan que, aínda que baixa o paro,
o emprego que se crea ten un carácter marcadamente estacional,
precario e en moitos casos parcial. Por isto, UGT-Galicia considera
que chegou o momento de que as administracións, o Goberno central e
a Xunta, encaren o problema do emprego xa non só dende unha
perspectiva cuantitativa, senón dende un punto de visto cualitativo.
Urxe apostar por emprego digno e de calidade para todos, que permita
aos traballadores e ás súas familias vivir nunhas condicións
dignas.
- Para abrir este camiño, urxe a derrogación das reformas laborais impostas, tanto a de 2010 como a de 2012, e a implantación e desenvolvemento inmediato de medidas que persigan a temporalidade inxustificada, o “tempo parcial ficticio”, os “falsos autónomos”, as horas extras non pagadas e as desigualdades no traballo.
- Tampouco se está a corrixir o problema do paro estrutural. En Galicia hai 74.200 persoas desempregadas que levan máis dun ano na procura de emprego e 53.500 que xa levan dous anos.
- Por todo elo, UGT-Galicia insiste na necesidade de deseñar uns Orzamentos para o 2019 que prevean un auténtico plan de choque polo emprego, que contemplen políticas activas de emprego dende o público, así como a mellora da protección das persoas, tendo como obxectivo a creación de emprego de calidade e con dereitos. Todo elo é necesario para que se encare unha recuperación sostible, para todos e permitindo a diminución dos niveis de desigualdade e pobreza.