
UGT-Galicia valora o ofrecemento do Presidente Feijoo para relanzar o Diálogo Social para acadar máis e mellor emprego
UGT tamén valora a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública trala campaña promovida polo Sindicato neste senso
O Sindicato recolle a oferta para iniciar o Diálogo Social canto antes
- UGT-Galicia valora o ofrecemento do Presidente Feijoo para relanzar o Diálogo Social feito esta mañán na súa intervención do debate sobre o Estado da Autonomía 2018, pero lembra que é preciso aproveitar o tempo para mellorar o mercado de traballo galego, as condicións laborais e o reparto da riqueza para o conxunto dos galegos e galegas.
- O diálogo Social foi practicamente inexistente. Isto impediu avanzar nas propostas feitas por UGT ao comezo da lexislatura. Todas elas propostas vixentes para mudar as actuais políticas económicas co fin de acadar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, á vez que hai que acometer medidas para reducir as desigualdades.
- UGT-Galicia considera que hai un crecemento evidente da economía que non se está repartindo xustamente. Concretamente, a economía galega encadea taxas de crecemento interanuais iguais ou superiores ao 3% pero, con todo, as familias seguen sen percibir esta melloría.