
Ante a situación que se vive na empresa de cerámica Sargadelos de Cervo, ante as acusacións contra a representante de UGT na empresa e en contra da mesma organización sindical, UGT- FICA ve importante aclarar que somos os máis interesados en manter os postos de traballo e a actividade na empresa. Sargadelos é unha empresa emblemática que é forma parte da cultura e a historia galega.
Como organización de traballadores, defendemos e promovemos os intereses económicos e sociais dos traballadores, como queda definido no artigo 7 da Constitución. É por este motivo que a nosa demanda histórica é que o emprego se dea con garantías e de calidade.
Desde a dirección de Sargadelos, a través de diferentes informacións publicadas por xornalistas en medios acusouse o sindicato UGT e ao seu representante, Rogelia Mariña, de demandar á compañía e á dirección.
A realidade é que nin Rogelia Mariña, nin UGT impuxeron ningunha demanda contra a empresa Sargadelos, nin contra a súa dirección. As acusacións que se están difundindo contra a representante sindical de UGT Rogelia Mariña carecen de fundamento, de feito, a delegada sindical nunca emprendeu unha iniciativa sindical sen consultar antes co conxunto dos traballadores da empresa.

Rogelia Mariña, leva 44 anos traballando na compañía e no momento do inicio desta campaña de difamación estaba proposta para ser parte do Consello de Administración de Sargadelos, o que non deixa lugar a dúbidas do carácter dialogante da compañeira e que calquera acusación contra ela carece da máis mínima base.
Rogelia non cometeu ningún “crime”, a non ser que consideren como tal, a defensa dos dereitos das traballadoras e os traballadores de Sargadelos, xa que moitos dos dereitos logrados na empresa foron grazas á súa loita. Nin Rogelia Mariña nin UGT FICA – o sindicato máis votado polos traballadores- non mirarán nunca a outro lado tendo Sargadelos 267 requirimentos na súa contra na Inspección de Traballo.