O paro continúa cebándose coas mulleres e cos máis mozos
As mulleres galegas representan o 56,4% do total dos desempregados e, mentres no resto de idades o paro baixa, entre os máis mozos medra nun 2,7%
URXE DERROGAR A REFORMA LABORAL QUE DANA E PRECARIZA O MERCADO DE TRABALLO
- Unha economía que medra a un ritmo do 3,1% non pode permitirse estas cifras de desemprego e precariedade. É evidente que segue habendo unha fonda crise de emprego e que non se está facendo partícipe da recuperación económica ás familias galegas.
Entrando
polo miúdo nas estatísticas, estas indican que en Galicia no mes de
febreiro o desemprego caeu nun 0,88%, habendo así 188.207 persoas
desempregadas, 1.679 menos que no mes de xaneiro.
En
termos interanuais, a contracción foi do 11,2%, 23.717 persoas
desempregadas menos.
- Por sexos, as mulleres seguen a ser as máis prexudicadas, non conseguen entrar no camiño da tímida mellora da economía. Mentres entre os homes o desemprego caeu no mes nun 1,4%, no caso das mulleres o fixo tan só nun 0,5%. De feito, estas representan o 56,4% do total das persoas desempregadas que hai en Galicia. É dicir, 82.033 homes desempregados, fronte a 106.174 mulleres. En termos interanuais compróbase tamén esta fonda brecha por sexos. O desemprego cae entre os homes nun 14,7%, fronte á baixada dun 8,3% das mulleres.
- Outro colectivo que sofre dun xeito máis incisivo as carencias do mercado laboral galego son os máis mozos, os menores de 25 anos. Neste caso, o desemprego medrou no mes nun 2,7%, evolución contraria á rexistrada no conxunto de idades. No ano a baixada foi inferior tamén ao resto de idades, de tan só un 9%.
O
número de beneficiarios de prestacións foi en xaneiro (último dato
dispoñible) de 97.226 persoas, 7.325 menos que hai un ano. Queda así
a taxa de cobertura nun 55,7% (59,2% no resto do Estado), deixando
fóra do sistema a 75.803 desempregados. Cifra que ascende aos 92.660
se se teñen en conta tamén ás persoas desempregadas que non teñen
dereito á cobertura.
- A GRAN MAIORÍA DA COBERTURA POR DESEMPREGO É DE CARÁCTER ASISTENCIAL
A
precariedade no desemprego afecta non só pola cantidade de persoas
que están á marxe do sistema de protección, senón pola contía
das prestacións. Tan só 43.792 persoas son beneficiarias de
prestacións por desemprego de carácter contributivo, o 45% do
total, cun importe medio de 792,9 euros ao mes. Pero a gran maioría
da cobertura por desemprego é de carácter asistencial, ben sexa por
subsidios (41.893); renda activa de inserción (9.256); ou programa
de activación do emprego (2.285).