O Secretario Xeral de UGT, Pepe Álvarez, expresou a súa satisfacción pola firma do Acordo Social para o aumento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), entre o Goberno e os interlocutores sociais, e manifestou que este acordo debe ser “o inicio dunha senda que nos leve a un país no que o eixo fundamental das súas políticas sexa partir do consenso e do acordo”, porque “somos plenamente conscientes de que as grandes melloras, os dereitos máis importantes para os traballadores do noso país parten da concertación, un elemento prioritario para a nosa organización”.
Por tanto, “esta firma, dixo Álvarez, vai máis aló do que é estritamente o SMI, enmarcámolo nun camiño de novos acordos que sitúe ao noso país nun proceso de recuperación de dereitos, de benestar e de repartición da riqueza”. Neste sentido, apelou a chegar a consensos no marco da función pública, no marco das pensións, da calidade do emprego, etc.
Álvarez, que fixo estas declaracións durante o acto da firma do Acordo Social para a subida do Salario Mínimo Interprofesional, destacou a importancia en si mesmo deste acordo, que “despois de 7 anos xa tocaba”.