Mantense a precariedade tanto no emprego como no desemprego
Os datos de paro correspondentes ao mes de decembro, publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego Estatal, reflicten un descenso do desemprego baseado en empregos temporais e precarios.
O ano 2017 pecha con 3.412.781 persoas en paro, o que supón un descenso intermensual de 61.500 persoas con respecto a novembro (-1,77%). En termos interanuais, a redución é do 7,84%, é dicir, 290.193 parados rexistrados menos que no mes de decembro de 2016. Ademais, na serie desestacionalizada a caída mensual foi de 20.726 persoas.
Para a Unión Xeral de Traballadores, a pesar destas cifras, marcadas case en exclusividade pola campaña do Nadal, o balance deste ano 2017 mostra un mercado de traballo danado, que aínda non se recupera dos efectos da crise e as políticas do Goberno do PP.
A precariedade domina o emprego e o desemprego. Os empregos son cada vez máis temporais e en decembro só 4 de cada 100 contratos que se asinaron foron indefinidos a tempo completo. E esta precariedade esténdese tamén á protección por desemprego. Aínda máis de 3,4 millóns de persoas esperan atopar un emprego e só unha 57,9% conta con cobertura.
No novo contexto económico e político que se presenta para 2018, UGT reclama, no marco do diálogo social, un verdadeiro plan de choque para o emprego. A protección social debe garantirse, reforzando as prestacións por desemprego xunto a políticas activas de emprego, desde o ámbito público. Así mesmo, é preciso repoñer os dereitos dos traballadores e traballadoras e derrogar na súa totalidade a reforma laboral de 2012, que só conseguiu degradar as condicións laborais.
É imprescindible impulsar a demanda para afianzar o crecemento económico, e para iso é fundamental que crezan as rendas do traballo, desde os salarios ata as pensións, reorientar as políticas económicas con medidas expansivas, á vez que se cambia o enfoque cara á redistribución da renda e haxa unha repartición da riqueza máis equitativo. Ademais, é necesario apostar por un cambio de modelo produtivo baseado nunha política industrial de estado, así como noutros factores que permiten a unha economía crecer a medio e longo prazo, en innovación, formación e coñecemento, e que xeren empregos de calidade, reducindo as desigualdades e a pobreza.