UGT-Galicia ven de elaborar un informe sobre a situación do mercado de
traballo nesta Comunidade que arroxa unha radiografía certamente
preocupante que obriga a un cambio de políticas económicas e de emprego.
O documento amosa que o crecemento non está a chegar ás familias. Se
ben é certo que se crea emprego, este cada vez é máis precario. Cae o
desemprego pero persiste o máis estrutural. Os salarios perden poder
adquisitivo e os beneficios empresariais gañan. As mulleres empeoran a
súa situación relativa. Seguen aumentando as desigualdades e a pobreza. E
da análise dedúcese que as reformas laborais impostas están detrás
desta complexa realidade.