xoves, 24 de agosto de 2017

CRECEMENTO DESEQUILIBRADO









A pesar de que a economía segue crecendo a un ritmo moi notable (3,1%, superior mesmo ao esperado) UGT alerta sobre un modelo de crecemento desequilibrado e enfermo, no que crecen a actividade e os beneficios empresariais, pero no que a recuperación non chega ás familias. A reforma laboral do Goberno propiciou un crecemento, baseado na rebaixa dos custos laborais (continúan descendendo, un 0,4% anual), que non impulsa o necesario cambio do noso modelo produtivo.

UGT reclama outra política económica que potencie o sector industrial, que promova o emprego estable e de calidade, e que reequilibre o peso de forzas na negociación colectiva, actualmente moi favorable ás empresas. Para iso é imprescindible derrogar a reforma laboral.

Así mesmo, demanda fortalecer os instrumentos de protección social esenciais, como as pensións, as prestacións por desemprego e as prestacións sociais e os salarios, especialmente os máis baixos (porque practicamente a metade dos asalariados e asalariadas non perciben sequera 1.000 euros netos ao mes). O  sindicato considera que unha política económica que non reduce a pobreza e a desigualdade e que non mellora a calidade de vida dos máis desfavorecidos é unha política fracasada.

Os datos da Contabilidade Nacional Trimestral do segundo trimestre de 2017, publicados hoxe polo INE, recollen un aumento trimestral do PIB do 0,9% e un aumento anual do 3,1%, unha décima máis que no trimestre anterior, tal e como xa estimou o avance coñecido o 28 de xullo. Isto significa que a economía española segue crecendo a un ritmo moi notable. De feito, a realidade superou as expectativas, e espérase que o ano termine cun aumento medio do PIB do 3% ou superior, fronte ao 2,3% que se estimaba a finais de 2016.