Os
datos do paro, correspondentes ao mes de maio e publicados hoxe polos
Servizos Públicos de Emprego, amosan que en Galicia o paro baixa en
4.991 persoas, en relación a abril, o que supón un 2,44 por cento.
Situando así a cifra total de desempregados en Galicia en 199.638
persoas.
Non obstante, como se vai demostrar posteriormente analizando polo
miúdo as estatísticas, esta baixa só esconde precariedade e
estacionalidade. Os gobernos, tanto o central como o da Xunta están
fiando toda a recuperación do emprego á estacionalidade e á
creación de postos de traballo precarios con contratos de moi curta
duración e en moitas ocasións parciais de xeito involuntario.
É certo que baixa o paro pero tamén o é que se está ás portas do
inicio da temporada de verán que marca contratacións en actividades
como a hostalería e turismo, así como, a proximidade das rebaixas
que tamén tiran da contratación.
Continuando cos datos, obsérvase que, en relación a hai un ano, o
descenso do paro foi dun 9,45 por cento, é dicir, 20.826 persoas en
situación de desemprego menos que no mes de maio de 2016.
No Estado a caída no mes foi máis acusada, dun 3,13 por cento,
interanualmente foi dun 11.06 por cento. Así, en maio houbo
3.461.128 desempregados no Estado.