A unión comarcal de UGT de Vigo xa ten nova comisión
executiva, encabezada por Ernesto Fontanes, tras ser elixida hoxe co 92,94% dos
votos nun congreso que puxo fin a tres anos e medio de interinidade, nos que
unha comisión xestora ha levado as rendas do sindicato na cidade olívica.
A executiva de Fontanes, a quen acompañará Ángeles Arias,
Mónica Suárez, José María Rodríguez e Diego de Sá, foi a única que se presentou
a un congreso ao que asistiron o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, e o seu
homólogo en Galicia, José Antonio Gómez.
Tamén estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel
Caballero, os líderes comarcais de CCOO e CIG e o presidente da patronal de
Pontevedra, Jorge Cebreiros.
Na súa primeira alocución como novo líder de UGT Vigo,
Fontanes apelou á unión sindical na cidade e marcou un reto "vital":
a consecución do indulto de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, condenados a tres
anos de cárcere por participar nun piquete na folga do sector do transporte en
2011.
Máis aló do indulto para Carlos e Serafín, Pepe Álvarez
esixiu a derrogación do artigo 315.3 do Código penal, do que os fiscais, dixo,
están a facer "un uso indigno" para ter a máis de 300 sindicalistas
procesados.
Álvarez reclamou a derrogación da Lei de seguridade
cidadá e tamén da reforma laboral, á vez que chamou a recuperar a militancia.
En materia laboral, o líder de UGT apelou a un cambio de
modelo produtivo, a un acordo "transversal" pola industria, e a
conseguir que os orzamentos xerais do Estado de 2017 sexan os últimos nos que
as pensións non estean vinculadas ao IPC real.
Tamén reclamou a contribución á Seguridade Social das
novas tecnoloxías e a redución da xornada laboral.
O secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez,
destacou, pola súa banda, que "xa era hora" de que a unión comarcal
de Vigo deixase atrás a súa situación de interinidade tras tres anos e medio
nos que houbo momentos nos que "non o pasamos ben, pero iso xa está
resolto".