xoves, 2 de marzo de 2017

PARO





 

 

 

 

A precariedade empaña o leve descenso do paro en Galicia

O Sindicato esixe políticas públicas que garanticen a empregabilidade e a protección social das persoas

Os datos do paro feitos públicos hoxe reflicten que o mes de febreiro rematou con 211.924 persoas en situación de desemprego en Galicia, caendo tan só un 0,07 por cento con respecto ao mes anterior, 154 desempregados menos. No resto do Estado a baixada foi dun 0,25 por cento.


En relación a hai un ano, a baixada do paro foi dun 9,9 por cento, 23.344 desempregados menos.
Por sexos, o desemprego caeu entre os homes nun 0,46 por cento e medrou entre as mulleres nun 0,25 por cento. As mulleres seguen a ter maior peso no desemprego, acadando a porcentaxe do 54,6 por cento do total. En termos interanuais o desemprego caeu en ambos sexos pero moito máis entre os homes. Os homes contraen a cifra de desempregados nun 11,64 por cento fronte á menor caída das mulleres, dun 8,45 por cento.
O mercado laboral ao retomar a senda de mellora beneficia moito máis aos homes, a desigualdade segue presente. 96.196 desempregados e 115.728 desempregadas no mes.
Por idades, o paro entre os menores de 25 anos medrou nun 3,18 por cento, sen embargo, no ano, a caída foi máis acusada que no resto de idades, dun 17,19 por cento. As razóns desta forte caída están na saída de efectivos da Comunidade na busca dun futuro mellor, así como, na falta de relevo xeracional.
Por sectores, o paro sube no mes nun 0,24 por cento na industria e nun 1,43 por cento entre o colectivo de sen emprego anterior. No resto diminúe e mantense en servizos. No ano contráese en todos os sectores.
En termos de contratación, obsérvase de novo un alto índice de rotación, con 62,323 contratos nun mercado laboral que conta con 825.000 asalariados. Rotación e precariedade son as señas de identidade do mercado laboral galego.
A contratación baixou nun 10,83 por cento, diminuíndo nos temporais nun 11,3 por cento e nun 6,5 por cento nos indefinidos. Interanualmente, a contratación medrou nun 1,15 por cento, cunha suba do 7,94 por cento entre os indefinidos e nun 0,43 por cento entre os temporais. Non obstante, a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total é de tan só o 10,19 por cento, o que evidencia a precariedade e temporalidade do mercado laboral galego.
Precariedade que tamén afecta ás persoas que están en situación de desemprego con coberturas cada vez máis reducidas. O número de beneficiarios de prestacións por desemprego é de tan só 104.551 pero é que o carácter contributivo destas prestacións está baixo mínimos, tan só 46.615, o 44,6 por cento do total. O resto son prestacións de carácter asistencial co que isto supón, contías moi baixas que sitúan a moitas familias no limiar da pobreza ou exclusión social.
Así, a día de hoxe a taxa de cobertura é en Galicia do 53,4 por cento, moi por debaixo do 56,53 por cento do resto do Estado. Dende UGT-Galicia denúnciase que o número de persoas desempregadas que non teñen ningún tipo de cobertura ascende a 107.527.
A media de afiliados á Seguridade Social é en Galicia de 953.563 cotizantes, cun aumento no mes do 0,3 por cento e no ano dun 1,93 por cento, un incremento moito máis baixo que no resto do Estado onde a porcentaxe de suba anual foi do 3,38 por cento.
En definitiva, os datos publicados hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social evidencian, de novo, o carácter estacional da xeración do emprego, ligado a campañas como as de Nadal ou rebaixas; a elevada dosis de precariedade cunha continuada perda de calidade do emprego; a precarización tamén da contratación indefinida, fenómeno que se observa dende a entrada en vigor da reforma laboral; e a extensión da precariedade entre as persoas en situación de desemprego, co descenso da taxa de cobertura e a extensión do paro de longa duración.
Para UGT-Galicia, a protección social debe garantizarse, mellorando a cobertura e reforzando as prestacións por desemprego. Acompañando a esta medida é imprescindible potenciar as políticas activas de emprego desde o eido público. Neste senso, resulta urxente poñer en marcha un plan de choque polo emrpego con medidas de creación de postos de traballo que conten con recursos adicionais para os servizos públicos de emprego, co fin de mellorar a empregabilidade e a formación e lograr así a inserción permanente dos desempregados.