martes, 7 de marzo de 2017

ERRADICAR A DISCRIMINACIÓN E A VIOLENCIA DE XÉNERO













UGT e CCOO denuncian o nulo compromiso do Goberno para erradicar a discriminación e a violencia contra as mulleres
As confederacións sindicais Unión General de Traballadores e Comisións Obreiras convocarán paros simbólicos o vindeiro mércores, 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, para denunciar o nulo compromiso político do Goberno para erradicar a violencia contra as mulleres, así como a desigualdade e discriminación que padecen no ámbito laboral. Secundan así as accións, concentracións e mobilizacións convocadas polo Movemento Internacional das Mulleres 8 de marzo.
Os paros, de entre cinco e dez minutos, convocaranse ás 12:00 horas do 8 de Marzo, nas sedes de ambos os sindicatos para esixir ao Goberno actuacións contra a situación de discriminación e violencia que sofren as mulleres, e para reforzar o compromiso sindical coa eliminación da desigualdade laboral. Así mesmo, ambas as organizacións secundan as accións, concentracións e mobilizacións convocadas polo movemento internacional das mulleres 8 Marzo cos mesmos obxectivos e reivindicacións.
CCOO e UGT consideran que a igualdade é un dereito fundamental cuxo cumprimento non será posible alcanzar sen unha vontade política real dirixida a este fin. Por esa razón, esixen ao Goberno e ao conxunto da clase política española que prioricen nas súas axendas as políticas de igualdade con medidas como:
  • Impulsar o Dialogo Social e a Negociación Colectiva para a adopción efectiva de medidas de igualdade no emprego das mulleres, a eliminación de todas as brechas de xénero e a violencia contra as mulleres.
  • Reverter as regresivas reformas e recortes levados a cabo durante a anterior lexislatura e adoptar novas medidas, sendo prioritaria a consecución dun Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a elaboración e posta en marcha dunha Lei de Igualdade Salarial, así como un mellor desenvolvemento da normativa de igualdade que sirva de forma real ao logro da eliminación da discriminación e desigualdade das mulleres no acceso ao emprego, o seu mantemento e promoción, e que contribúa de forma decisiva a mellorar a calidade no emprego das mulleres.
  • Avanzar en políticas de conciliación e corresponsabilidade entre mulleres e homes, de forma que o custo social e laboral dos coidados de menores e maiores non recaia exclusivamente sobre as mulleres.
Este 8 de Marzo de 2017, UGT e CCOO, renovaremos o noso compromiso coas políticas de igualdade denunciando a situación de retroceso que estamos a vivir en ambas as áreas, o agravamento da violencia machista, a precariedade laboral e económica da poboación traballadora con forte impacto sobre as mulleres e en especial dos grupos máis vulnerables e discriminados, reivindicando e impulsando a erradicación da violencia de xénero, a mellora das condicións laborais e a eliminación das brechas de xénero no emprego e na protección social.
Esiximos ao Goberno español a ratificación do Convenio 189 da OIT sobre as traballadoras e traballadores domésticos, así como a aplicación do Convenio do Consello de Europa (Istambul 2011) sobre prevención e loita contra a violencia sobre as mulleres.
* Noticias Relacionadas: