A UGT Compostela-Barbanza concentrouse hoxe, día do traballo decente e xusto, para reclamar políticas activas, solidarias, equitativas... de emprego, sumándose así as diversas concentracións que houbo en Galicia.
UGT esixe traballo
decente, respecto aos acordos de negociación colectiva e aos
dereitos laborais das persoas directamente empregadas polas empresas
e as grandes multinacionais, pero tamén dos traballadores e
traballadoras que constitúen unha man de obra oculta mediante as
diferentes fórmulas de subcontratación, deslocalización ou
franquías. É preciso establecer mecanismos reais e efectivos que
permitan esixir responsabilidades ás empresas pola súa actuación,
tanto dentro coma fóra do noso país.
Garantir por lei que
as empresas que subcontraten —mediante calquera fórmula— sexan
responsables subsidiarias dos salarios e da protección social dos
traballadores e traballadoras das empresas subcontratadas, con
independencia de onde se atopen.
Esixirlles ás
empresas que utilizan cadeas de subministración que todos os seus
provedores, tanto no noso territorio como no estranxeiro, manteñan
condicións de emprego decentes, respecten os convenios colectivos e
os dereitos fundamentais, incluídos os dereitos sindicais.
Establecer por lei,
como requisito na contratación pública, que as empresas con que se
contraten bens ou servizos respecten os convenios colectivos
aplicables e condicións de traballo decente, unha esixencia que
estendemos ás franquías e filiais das grandes empresas, tanto no
noso país como no estranxeiro.
Derrogar as reformas
laborais de 2010 e 2012, e recuperar os dereitos arrebatados aos
traballadores e traballadoras.
Combater e
desigualdade e a pobreza mediante unha prestación de ingresos
mínimos que garanta os recursos básicos ás persoas que carecen de
emprego.
Establecer subas
salariais que contribúan ao crecemento económico e do emprego. No
marco da negociación colectiva, profundar no desenvolvemento de
cláusulas que axuden a impulsar o emprego e, sobre todo, a mellorar
a súa calidade.
Fixar un SMI de 800
euros o primeiro ano e subas progresivas durante a lexislatura, ata
acadar o 60 % do salario medio do noso país.
Derrogar a Lei
4/2015 de protección da seguridade cidadá (lei mordaza) e o artigo
315.3 do Código penal, que criminaliza facultades esenciais para
exercer o dereito de folga.
Instamos o Goberno a
modificar o Estatuto dos Traballadores para cumprir a Directiva
1999/70/CE e as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza
da UE o pasado día 14 de setembro, que sinalan a discriminación e o
abuso na contratación temporal no noso país.