Galicia, con case 14.000 ocupados menos que hai un ano, está á cabeza en perda de ocupación, só superada por Madrid
Unha interpretación minuciosa dos datos
da EPA feitos públicos hoxe e, concretamente, no referido a Galicia,
reflicten unha realidade preocupante cun mercado laboral contraído,
incapaz de dar resposta a todos aqueles que en idade de traballar queren
facelo, provocando a súa saída ou ben o efecto desánimo. Ademais,
constátase un indicador que debería levar á reflexión, hai case 14.000
ocupados menos que hai un ano, a segunda peor cifra neste eido de todo o
Estado. É evidente que algo non está a funcionar e que as mensaxes
sobre a saída do túnel e o cambio de tendencia UGT-Galicia aínda non as
pode compartir.
Xa hai 118.100 persoas que levan máis de dous anos na procura de emprego e 93.700 vivendas con todos os activos no paro
Aínda que o número de desempregados diminúe, os activos seguen a baixar, en 19.900 persoas. O mercado laboral galego, cada vez máis contraído
Santiago,
24 de xullo de 2014.- Unha interpretación minuciosa dos datos da EPA
feitos públicos hoxe e, concretamente, no referido a Galicia, reflicten
unha realidade preocupante cun mercado laboral contraído, incapaz de dar
resposta a todos aqueles que en idade de traballar queren facelo,
provocando a súa saída ou ben o efecto desánimo. Ademais, constátase un
indicador que debería levar á reflexión, hai case 14.000 ocupados menos
que hai un ano, a segunda peor cifra neste eido de todo o Estado. É
evidente que algo non está a funcionar e que as mensaxes sobre a saída
do túnel e o cambio de tendencia UGT-Galicia aínda non as pode
compartir.
Ademais
disto, si é certo que diminúe o desemprego, pero o que se observa é que
cada vez son máis os traballos temporais, parciais e estacionais.
Existe un empeoramento da calidade do emprego indiscutible, sumado isto a
que a protección por desemprego se sitúa en mínimos históricos, provoca
cada vez máis situacións que incrementan o risco de pobreza nos fogares
e conducen a un continuado descenso das rendas do traballo que impiden a
recuperación da demanda interna e da economía no seu conxunto. Por
isto, UGT-Galicia insiste en apostar pola mellora da protección por
desemprego, da calidade no emprego e das rendas do traballo, vital para a
recuperación das principais variables macroeconómicas.
Continuando
cunha análise polo miúdo dos datos facilitados hoxe, estes amosan que,
mentres no Estado en termos interanuais hai unha recuperación da
ocupación, subindo nun 1,12 por cento, en Galicia dáse unha caída do 1,4
por cento. De feito, esta é a segunda Autonomía con maior caída, só
superada por Madrid. En relación ao ano anterior hai 13.900 ocupados
menos. Situándose a taxa de ocupación en Galicia no 41,9 por cento, moi
afastada dos valores de antes da crise cando se superaba o 50 por cento.
En
termos de desemprego o comportamento tampouco é moi bo. Aínda que este
cae interanualmente nun 2,1 por cento, tan só hai tres comunidades
autónomas onde a baixada sexa menor. No Estado esta procentaxe elévase
ata os 7 puntos.
A
contracción do mercado laboral evidénciase pola forte diminución no ano
da poboación de 16 ou máis anos, en 15.000 persoas. Baixan máis os
activos, as persoas que desexan incorporarse ao mercado laboral, 19.900,
baixa a ocupación en 13.900 e o paro en 6.000 persoas. Pola contra,
increméntanse os inactivos en 5.000 persoas. A perda dáse ben polo
efecto desánimo, ou pola inmigración que retorna aos seus países de
orixe ou pola emigración dos mozos.
A
análise do que está a suceder nos fogares galegos tamén é pouco
alentadora. As vivendas nas que todos os activos están no paro son
93.700 e en 32.300 non hai xa ningún perceptor de ingresos.
Así,
en Galicia o desemprego acada as 284.300 persoas no segundo trimestre
do ano 2014, segundo a EPA. Diminuíndo en 12.600 persoas, o 4,3 por
cento, en relación ao trimestre anterior, e en termos interanuais cae en
6.000 persoas, o 2,1 por cento. No conxunto do Estado trimestralmente
baixa o 5,23 por cento e en relación ao ano anterior no 5,7 por cento.
Polo tanto, a tendencia de Galicia é moito menos positiva.
A taxa de paro no Estado é do 24,5 por cento e en Galicia do 22,3 por cento. Entre os menores de 25 é xa do 48,3 por cento.
Hai
en Galicia 772.900 persoas asalariadas, 4.500 máis que hai un ano. Pero
caen as que teñen contrato indefinido, en 7.000, e aumentan as de
contrato temporal, en 11.500.
Tamén
se constatan cifras máximas en canto ao desemprego de longa duración.
171.900 persoas levan máis dun ano na procura de emprego e 118.100 máis
de dous anos.