22 de febreiro, Día pola igualdade salarial entre mulleres e homes
Un ano máis, o 22 de febreiro conmemórase o Día pola
igualdade salarial entre mulleres e homes. Unha xornada para denunciar a
desigualdade salarial por sexos e demandar a súa erradicación que debe
ser abordada sen escusas en todos os ámbitos, non só no laboral, senón
taménn no político, económico e social.
22 de febreiro, Día pola igualdade salarial entre mulleres e homes
A reforma laboral empeora aínda máis a situación das mulleres. UGT-Galicia considera que para evitar un suicidio social hai que facer políticas de igualdade
Santiago, 21 de febreiro de 2014.- Un ano máis, o 22 de febreiro conmemórase o Día pola igualdade salarial entre mulleres e homes. Unha xornada para denunciar a desigualdade salarial por sexos e demandar a súa erradicación que debe ser abordada sen escusas en todos os ámbitos, non só no laboral, senón taménn no político, económico e social.
O 22 de febreiro constítúe en día simbólico que se celebra dende o
ano 2010 tomando como referencia a diferenza media de salarios entre
mulleres e homes de todos os países da UE, calculando os días de máis
que ten que traballar unha muller respecto a un home para cobrar o
mesmo. UGT-Galicia incide en que o salario condiciona o presente e o
futuro, xa que, por un lado, é garantía de independencia da muller pero
tamén repercute na protección futura.
En todos os tratados da UE plásmase o principio de igualdade de
retribución para homes e mulleres por un traballo igual pero a brecha
salarial por sexos segue sendo notoria. Concretamente, en Galicia, dun
23,3 por cento. O salario medio anual percibido en Galicia no 2012 foi
de 17.737 euros. No caso dos homes foi de 19.865 e no das mulleres de
15.227, 4.638 euros ao ano menos que os homes.
De feito, a brecha salarial no 2012 increméntase pola maior caída dos
salarios das mulleres, dun 2,94 por cento, no caso dos homes foi dun
2,66 por cento. Rómpese así unha tendencia á baixa da brecha salarial
que se mantiña dende o ano 2004.
Esta diferenza salarial constátase en todas as comunidades autónomas
pero pode apuntarse que os ingresos medios das mulleres galegas foron
645 euros inferiores á media dos salarios medios do resto das
comunidades autónomas. 15.227 euros fronte a 15.872.
Tamén no caso da ganancia por hora normal traballada existen
diferenzas en todas as comunidades autónomas pero é Galicia a peor
parada cunha ganancia media para as mulleres de 11,3 euros, dous menos
que a dos homes, e son as que menos retribución por hora teñen de todas
as comunidades autónomas. Afastada esta cantidade dos 13,12 euros de
media no Estado.
As distitntas características dos empregos aos que acceden homes e
mulleres explican en parte o diferencial salarial pero, para ter en
conta unha variable non afectada pola temporalidade e parcialidade do
emprego, a clave é o cobro medio por hora traballada. E, neste caso, as
mulleres galegas son as que menos perciben de todo o Estado.
EN TODAS AS RAMAS DE ACTIVIDADE OS SALARIOS DAS MULLERES SON
INFERIORES AOS DOS HOMES. AS DIFERENZAS SON MAIORES NO CASO DOS
CONTRATOS INDEFINIDOS
En todas as ramas de actividade económica os salarios das mulleres
son inferiores aos dos homes. Os salarios medios máis elevados danse na
rama de entidades financeiras e aseguradoras pero cunha diferenza
salarial con respecto aos homes do 27 por cento.
A maior diferenza retributiva por sexos dáse en servizos ás empresas,
do 34,4 por cento, a pesar de ser un sector feminizado, onde as
mulleres ocupan o 55,8 por cento do total dos postos de traballo.
No caso de construción e actividades inmobiliarias é onde as
diferenzas son máis baixas, do 5,5 por cento. Aquí a porcentaxe de
mulleres asalariadas é do 13,3, bastante baixo, e ao ser as súas labores
de tipo técnico, comercial, de xestión… están mellor retribuídas.
Se se analiza o sector público fronte ao privado, a brecha é moito
maior neste último, do 29,8 por cento, fronte ao 12,6 por cento do
público.
O diferencial salarial, curiosamente, agudízase no caso da
contratación indefinida. O salario medio entre as mulleres nos contratos
temporais é de 13.955 euros, fronte aos 16.729 dos homes. No caso da
duración indefinida, a ganancia salarial media entre as mulleres é de
18.253 euros e de 23.960 entre os homes.
Por xornada, compróbase que o tempo parcial prexudica gravemente ao
salario feminino. 8.472 euros de salario medioa a tempo parcial para as
mulleres en Galicia, un 25,9 por cento menos que un home coa mesma
contratación. Mentres que se se compara a ambos a tempo completo as
diferenzas redúcense ata o 11 por cento. Pero é que ademais hai que
destacar que o número de homes con contrato a tempo parcial non chega ao
sete por cento e no caso das mulleres ascende ao 25 por cento.
Para UGT-Galicia, despois de analizar as estatísticas e observar a
realidade do día a día, pode afirmarse que os complementos salariais son
unha das claves que explican o diferencial entre os homes e mulleres.
Do total do salario bruto, no caso das mulleres, o 72,67 por cento é
salario base, fronte ao menor peso deste no caso dos homes, o 67,88 por
cento.
Así, o Sindicato considera que actuando sobre estes poderían
reducirse en boa medida as desigualdades salariais entre homes e
mulleres.
Por idades, a radiografía repíteses, en ningún tramo o salario é
superior no caso feminino. O que si se constata é que a maior idade a
desigualdade se acrecenta. Se a media de diferenza era de 4.638 euros ao
ano, entre as maiores de 65 anos esta é de 9.000 euros pero xa empeza a
medrar por enriba dos4.000 apartir dos 36 anos.
En materia de desemprego tamén existe discriminación. A crise está a
incluír grandes niveis de dificultades na cohesión social. O desemprego
con niveis insostibles non se ve compensado por unha cobertura social
axeitada e máis no caso das mulleres. Dende sempre as mulleres teñen
menos acceso ás pretacións polas escasas cotizacións, tanto en termos
temporais como monetarios, derivadas das súas condicións de contratación
e salario. Polo que, incluso, en moitos casos non acadan os mínimos
requeridos. Sen esquecer ás 26.800 traballadoras do anterior réxime
especial do fogar que non teñen dereito ao desemprego.
Así, a situación de risco de exclusión social e vulnerabilidade para
as mulleres é moi superior. No ano 2012 as beneficiarias de prestacións
por desemprego en Galicia son menos e perciben unha prestacións media
anual un 20,2 por cento inferior á dos homes.
Cando chega a idade da xubilación todo continúa igual, as diferenzas
seguen aí e a reforma das pensións imposta polo Goberno do PP aínda vai
agudizalas máis. Xa que o Goberno vincula a partir do 2019 as pensións á
esperanza de vida (a maior idade menos contía, segundo o IGE as
mulleres viven en Galicia unha media de 85,7 anos e os homes 79) e a
isto hai que engadirlle que a contía da pensión calcúlase tamén en
función do salario percibido nos últimos 25 anos. E se se ten en conta
todo o dito nos parágrafos anteriores confírmanse as diferenzas á baixa
para as mulleres.
De feito, da análise das pensións contributivas en Galicia no ano
2013 dedúcese que o importe medio mensual para as mulleres é de 574,17
euros, claramente inferior aos 903,13 dos homes. Tamén hai que ter en
conta que do total dos beneficiarios das pensións non contributivas en
Galicia, claramente máis baixas, o 78 por cento son mulleres.
UGT-Galicia considera que a igualdade efectiva entre mulleres e homes
pasa, necesariamente, pola igualdade salarial. A igual traballo, igual
retribución.
En nada contribúe a esta demanda a reforma laboral do Goberno do PP
onde se da prioridade á apliación do convenio de empresa, o que conleva,
ademais dun alto risco de individualización das relacións laborais,
incrementándose así as diferenzas, a perda dun marco mínimo de
regulación sobre a igualdade.
Esta reforma está a constituír un retroceso importante nas condicións
laborais das mulleres e unha masiva destrución de emprego feminino.
Así, esta reforma modifica o artigo 22.4 do Estatuto dos Traballadores,
organizando unicamente a clasificación profesional por grupos e non por
categorías, como se facía ata o de agora, creando inseguridade e
implantando a polivalencia funcional. Cunha intención clara, rebaixar os
salarios, polo que as mulleres sairán dobremente prexudicadas, como
poboación traballadora e afondando aínda máis na brecha salarial.
UGT-Galicia vai seguir traballando na senda de dar cobertura, a
través da negociación colectiva, a todas as persoas traballadoras e
facendo respectar o principio de igualdade de trato e de oportunidades
entre mulleres e homes, incluídas as retribucións, como recolle a Lei de
Igualdade.
UGT aposta por introducir modificacións na lexislación para que
dentro do precepto de velar polo respecto ao principio de igualdade se
inclúa expresamente a igualdade retributiva e que os incumprimentos en
materia de igualdade salarial se tipifiquen como infraccións
sancionables na Lei de infraccións e sancións na orde social.
O Sindicato garantiza que en todas as canles de negociación, tanto
nos convenios colectivos como nos plans de igualdade, vaise traballar
pola introdución de accións e medidas concretas e específicas que
eliminen as discriminacións salariais entre mulleres e homes.
Se realmente este país non quere cometer un suicidio, desde un punto
de vista social, ten que facer o que fixeron outros países en materia de
políticas de igualdade: favorecer e incrementar as taxas de actividade
das mulleres e facer políticas públicas que favorezan a conciliación e
corresponsabilidade, en ningún caso que vaian en detrimento das
posibilidades de emprego, nin da calidade do emprego das mulleres.
Precisamente, a ausencia de políticas públicas a favor da igualdade e
que favorezan a conciliación e corresponsabilidade, sen un coste
persoal en termos de dereitos das mulleres, o que está traendo consigo é
menos taxa de actividade das mulleres e menos rapaces para este país, o
que ten consecuencias sociais moi graves.