

Laboral
UGT pide que o Concello rescinda a concesión das garderías a Clece
O sindicato considera que a empresa está incumprindo as condicións sobre persoal marcadas no prego
O portavoz de UGT, sindicato que representa os intereses de tres das seis ex traballadoras das escolas infantís de Conxo e Fontiñas, está seguro de que a sentenza polo despedimento dirá que é «improcedente». O uxetista Manuel Alonso considera que esta situación non significa que «non poida facerse nada máis» e insistiu en pedir que o Concello interveña «máis activamente» neste asunto e esixa que se cumpran as condicións do prego.

O sindicalista considera que os «incumprimentos» deberían ser suficientes para que o Concello rescinda o contrato á concesionaria Clece. Indicou que, ao non ser parte prexudicada, o sindicato non pode denunciar á empresa e, por iso, espera que o Concello se implique e revogue o contrato.
O portavoz de UGT explica que tamén é posible que as outras empresas que se presentaron ao concurso denuncien o proceso e a adxudicación definitiva, xa que «Clece gañou o concurso cunhas condicións que non cumpre».
Alonso indicou que un grupo de pais presentou un escrito no rexistro municipal, dirixido ao alcalde, no que indican que a «os nenos xa non lles ensinan a comer, senón que simplemente se lles dá», pola falta de persoal. Ademais, segundo o sindicalista, os pais denunciaron que se agrupa a nenos de idades diferentes, o que non pode facerse por lei