O secretario xeral de UGT-Galicia insistiu en que “imos saír porque as persoas que estiveron confinadas nas súas casas e os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais merecen que baixemos dos balcóns e salgamos á rúa para renderlles unha homenaxe pública”.
Engadiu que “imos saír porque os que estivemos traballando durante este tempo para xerar esa rede social que nunca tivera o noso país en ningunha crise anterior cremos que é o momento de tentar que nesta situación se diga como queremos reconstruír o noso país, tras a crise da COVID-19”. Fixo fincapé en que debe ser unha reconstrución que non deixe a ninguén atrás.
Este proceso de reconstrución debe apostar por un novo país máis sustentable, produtivamente forte e fiscalmente xusto, acompañado todo dun un pacto contra a precariedade laboral.
UGT reclama que se poñan as bases para que todos os elementos que fallaron non volvan fallar. Son coñecidos dabondo os recortes e as necesidades tecnolóxicas e persoais que teñen os servizos de saúde do país, ou a necesidade de mellorar os cocientes e a calidade do emprego nas residencias de maiores, onde as traballadoras estiveron até 24 horas durante semanas por 950 euros, arriscando as súas vidas. Isto non pode volver pasar.

Ao respecto, José Antonio Gómez fixo fincapé en que “levamos todos estes días escoitando a empresarios que só piden e piden. Neste senso, é fundamental que sexamos capaces de revisar a fondo o noso sistema tributario. Quen máis gaña ten que pagar máis. O Estado debe ter recadación autosuficiente para atender as necesidades básicas dos seus cidadáns”.
Neste momento, resulta fundamental que todos aprendamos das leccións que nos deu a crise: a solidariedade con todas as vítimas e os seus familiares, que foron moitísimas neste país; o agradecemento aos que nos coidaron, arriscando as súas propias vidas sen os elementos suficientes para protexerse a si mesmos; e a concordia que tivemos como sociedade, a pesar das circunstancias, fuxindo da confrontación, do ruído e do odio.
Precisamente, baixo a premisa destas leccións preséntase hoxe esta iniciativa, que non vai contra ninguén, senón co ánimo de reivindicar a suma para saír da forma máis xusta e eficiente desta pandemia.