Isto incrementa a pobreza laboral
A redución do desemprego en Galicia en xullo en
7.794 persoas débese, como é habitual neste mes que normalmente é
un dos mellores do ano para o emprego, a factores estacionais,
especialmente por contratacións vinculadas ao turismo e a temporada
de vacacións, e, ademais, esta diminución do paro
baséase en contratos temporais cada vez máis precarios.
Precariedade que está consolidando a pobreza laboral e precariedade
que chega tamén ao desemprego, xa que as prestacións apenas cobren
á metade das persoas que están no paro.
Sen dúbida é unha boa nova que o emprego aumente, a afiliación
medrou en 16.721 cotizantes, e que o paro baixe. Por outra banda,
isto é o esperable nunha economía que medra a un ritmo do 3 por
cento, a pesar disto, dende UGT considérase que Galicia segue
amosando unha crise de emprego, cunha taxa de paro do 16,1 por cento,
e porque os datos de xullo revelan que as empresas galegas seguen
facendo só contratos temporais.
Neste senso, UGT-Galicia lembra que unha das tarefas da mesa de
diálogo social é revisar o actual sistema de protección ao
desemprego, co obxecto de corrixir as insuficiencias, ao tempo que se
reordenan os distintos tipos de prestacións, subsidios e rendas
asistenciais.
É fundamental analizar todos os programas de protección para os
desempregados con maiores dificultades (RAI, PREPARA e PAE), co fin
de poñer en marcha un verdadeiro plan de choque polo emprego e
mellorar a protección das persoas.