UGT-Galicia saúda o dato do paro do mes de xuño, aínda que alerta sobre a precariedade e temporalidade do emprego que se crea
Só o 50,3 por cento dos desempregados galegos recibe algún tipo de prestación e aumenta o risco de exclusión social
Segue habendo 189.665 persoas no desemprego en Galicia
UGT-Galicia
saúda o dato do paro do mes de xuño, ainda que amosa a súa fonda
preocupación pola precariedade e a temporalidade do emprego que se está a
crear. Así, só o 6,96 por cento dos contratos asinados no mes de xuño
foron indefinidos. A isto temos que engadirlle a maior debilidade da
recuperación do emprego feminino fronte ao masculino e a extensión da
brecha entre homes e mulleres no desemprego.
Novamente,
UGT-Galicia alerta sobre o aumento da precariedade entre as persoas en
desemprego, co descenso da taxa de cobertura, unha situación que se
agrava mes a mes e que afonda o empobrecimento de cada vez máis xente en
Galicia.
Os datos do mes de xuño,
aínda sendo positivos, amosan que hai unha clara estacionalidade no
mercado laboral galego e cada vez máis acusada, case 104.000 contratos
rexistrados nun mes para un mercado laboral no que hai 979.877
cotizantes á Seguridade Social.
Os
datos de paro, correspondentes ao xuño de 2017, amosan un descenso do
paro en Galicia de 9.973 respecto a maio, o -5,00 por cento , situando a
cifra total de desempregados en Galicia en 189.665 persoas.
En
xuño de 2017 estiveron 189.665 persoas desempregadas, segundo os datos
publicados hoxe polo SEPE. Esta cifra supón un descenso mensual de 9.973
persoas con respecto a maio (un 5 por cento menos) e o dato interanual
amosa un descenso do 8,52 por cento, é dicir, 17.655 parados rexistrados
menos que no mes de xuño de 2016.
No Estado a caída no mes é menos acusada, -2,84 por cento no mes pero máis no ano, -10,73 por cento interanualmente. En xuño houbo 3.362.811 desempregados no conxunto do Estado. No mes somos a cuarta comunidade autónoma con maior contracción do paro en termos relativos.