Os datos de paro evidencian precariedade tanto no emprego como no desemprego
A contratación indefinida non chega ao 10 por cento e hai case 11.000 beneficiarios menos de prestacións que hai un ano
Os
datos do paro feitos públicos hoxe polo Ministerio de Emprego
evidencian que a precariedade segue a ser unha característica
dominante tanto do emprego que hai en Galicia como para aquelas
persoas que están en situación de desemprego. UGT-Galicia reitera
que a recuperación non chega aos fogares galegos e que urxen medidas
para paliar a lacra do desemprego pero tamén a do emprego precario e
a carencia de coberturas sociais para aquelas persoas que máis o
necesitan.
Concretando as cifras que
ofrece hoxe o Ministerio, en Galicia o paro baixa no mes de marzo en
1.868 persoas, un 0,88 por cento, en relación ao mes anterior,
quedando así a cifra total de desempregados en Galicia en 210.056
persoas. A baixa interanual foi de 21.741 parados menos, un 9,4 por
cento menos. No Estado a caída no mes é moito máis acusada, dun
1,29 por cento e no ano do 9,58 por cento. Deste xeito, en marzo o
número de persoas desempregadas rexistradas en todo o Estado foi de
3.702.317.
Por sexos, o paro entre os
homes baixa nun 2,23 por cento (2.146 persoas) fronte á suba dun
0,24 por cento que se rexistra entre as mulleres, 278 mulleres en
situación de desemprego máis no mes. En relación a hai un ano
baixa en ambos casos, aínda que o descenso é máis significativo
entre os homes, dun 11,93 por cento, fronte ao 7,2 por cento
feminino. Evidénciase así que a recuperación non está chegando
por igual a todos os sectores da sociedade e que ás mulleres
estalles a custar máis subir a este tren de melloras. O que conduce
tamén a un incremento da fenda entre homes e mulleres no mercado
laboral en Galicia, de feito, o 55,2 por cento do desemprego nesta
Comunidade ten rostro de muller.
EN
GALICIA QUEDAN FÓRA DO SISTEMA DE PROTECCIÓN 110.000 PERSOAS EN
SITUACIÓN DE DESEMPREGO
En relación á cobertura por
desemprego, dende UGT-Galicia denúnciase que o número de
beneficiarios é de 102.834 persoas, o que supón unha taxa de
cobertura dun 52,7 por cento, deixando fóra do sistema de protección
a 110.000 persoas desempregadas. O ano comezou cunha nova caída, hai
10.863 beneficiarios menos de prestacións en febreiro de 2017 que no
mesmo mes de 2016.
A
XUNTA DEBE POTENCIAR AS POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO. O ORZAMENTO DE
2017 PARA ESTE FIN SEGUE A SER INSUFICIENTE E MOI POR DEBAIXO DO QUE
EXISTÍA ANTES DA CRISE
A protección social debe
garantirse mellorando a cobertura e reforzando as prestacións por
desemprego. E, acompañando esta medida, é fundamental potenciar as
políticas activas de emprego desde a Xunta, marcadas polos criterios
de austeridade nestes anos e para as que nos orzamentos de 2017
destínanse 209 millóns de euros, cantidade moi afastada dos 378
millóns de euros do ano 2008, antes da crise.