

Concretamente, os traballadores do Sergas denuncian os graves
recortes que veñen sufrindo nas condicións de traballo e dereitos.
Lembraron que existe un Acordo retributivo e de condicións de
traballo 2008-2012 que tiña como un dos seus principais obxectivos
situar as retribucións no ano 2012, ao final do acordo, na media
retributiva do conxunto das comunidades autónomas a ano 2008.

Outro punto forte do acordo, e que quedou no aire, era que se pasaba
a ter en conta as condicións de traballo ligadas á penosidade
(traballo a quendas, traballo nocturno, festividade, desprazamentos
en vehículos propios, manutencións, traballo en sábados,
gardas...).
Dende FeSP-UGT, Javier Martínez, fai fincapé en que nun escenario
de recuperación económica e nun contexto no que o presidente da
Xunta publicita constantemente o bo estado de saúde das contas
públicas desta Comunidade, non se entende que se negue un calendario
de recuperación dos dereitos perdidos.

Os sindicato tamén denuncian o trato discriminatorio que se está a
dar aos traballadores do Sergas ao aplicárselles un desconto do 50
por cento durante os tres primeiros días da Incapacidade Temporal,
mentres que o resto dos traballadores da función pública poden
xustificar a súa ausencia no traballo durante estes primeiros tres
días cun simple parte do seu médico e non se lles desconta nada.