UGT denuncia que en Galicia son necesarias 144 altas e baixas na Seguridade Social para consolidar unha nova afiliación
Urxe garantir a creación de emprego de calidade que retorne na estabilidade da afiliación á SS e na mellora dos ingresos.
Galicia é a cuarta autonomía onde máis baixou a afiliación media á SS dende o comezo da crise


Situación á que de xeito definitorio contribuíron as
reformas laborais impostas nos anos 2010 e 2012, sobre todo esta última, polo
que dende UGT-Galicia pídeselle ao novo Goberno que se conforme nos vindeiros
meses que, como paso inicial para a mellora do mercado laboral e a creación de
emprego de calidade, derrogue ambas reformas e poña en marcha con carácter de
urxencia outra política, cambiando a austeridade por crecemento, os recortes
por inversión produtiva e a precariedade laboral por xeración de emprego de
calidade.

Así, Galicia representa o 7,9 por cento da perda de todo o
Estado cando o seu peso real na afiliación total é moito máis baixo, do 5,5 por
cento.
Nunha serie histórica contrastan os datos de media de
afiliación á Seguridade Social rexistrados en Galicia. Iníciase a análise no
ano 2006, con 1.035.156 afiliados. Cifra que sempre se mantivo por enriba do
millón ata o ano 2011, a
primeira vez que baixa desta barreira, situándose nos 985.950 afiliados. A día
de hoxe, segundo os datos rexistrados a xullo de 2016, esta recupérase
lixeiramente (973.973 afiliados), en relación aos baixísimos rexistros de anos
como o 2013 cando non se superaban os 917.000 afiliados, pero aínda continúan afastados da barreira do
millón de afiliados.
- GALICIA REXISTRA UN DOS INCREMENTOS MÁIS BAIXOS DE AFILIADOS Á SEGURIDADE SOCIAL EN RELACIÓN A HAI UN ANO.
- UN SISTEMA LABORAL PRECARIO E INESTABLE QUE CONDUCE A PERDAS CONTINUAS DE SALARIOS. DENDE O 2007 OS ASALARIADOS GALEGOS PERDERON 1.211 MILLÓNS DE EUROS.
URXE TOMAR MEDIDAS NUN MOMENTO NO QUE A SUSTENTABILIDADE DA SEGURIDADE SOCIAL SE ESTÁ A POÑER EN DÚBIDA.
UGT-Galicia alerta de que o crecemento por ingresos por
cotización está sendo inferior en relación ao
incremento dos afiliados. Un problema que se está convertendo en
permanente debido a varios factores, a debilidade dos incrementos salariais,
debido á política de desvalorización e depresión dos salarios; a maioritaria
precariedade do emprego que se está creando, con forte presencia de empregos a
tempo parcial e de contratos temporais; a caída da cobertura das prestacións
por desemprego, que pon de manifesto non só a desprotección crecente do paro,
senón as diferenzas reais entre os ingresos polas cotizacións que proveñen do
emprego e o gasto en prestacións da Seguridade Social; e perda de ingresos
derivada de que as políticas de subvencións á contratación se están cargando
sobre as costas da Seguridade Social.
Todos estes factores deben ser corrixidos xa. Por elo, o
Sindicato reclama ás forzas políticas do novo Parlamento que asuman con
urxencia un compromiso pleno co sostemento da Seguridade Social e do sistema
público de pensións, a través dun proceso de negociación cos interlocutores
sociais.