luns, 5 de setembro de 2016

PARO. BO DATO PERO MOITAS ARISTAS.

O bo dato do paro rexistrado do mes de agosto en Galicia non pode ocultar os altos índices de rotación laboral e precariedade

As taxas de cobertura por desemprego están en mínimos e as prestacións perden o seu carácter contributivo 

 

  • O paro segue afectando máis ás mulleres acadando un record histórico na desigualdade laboral 
A contracción do desemprego, no mes, repercute moito máis nos homes ca nas mulleres, -2,43 por cento e -0,26 por cento respectivamente. Coma sempre as mulleres volven a ter maior peso no desemprego, acadando unha porcentaxe máxima nos últimos anos, 55,7 por cento do total. En termos interanuais cae en ambos sexos, pero como xa se ven consolidando, a recuperación das cifras de desemprego beneficia moito máis a homes que a mulleres, os homes contraen a cifra de desempregados nun 11,5 por cento fronte á menor caída, o 8,16 por cento menos, no caso das mulleres. O mercado laboral, ao retomar unha senda de mellora, beneficia moito máis aos homes, polo que a desigualdade no mercado laboral segue presente.
  • A saída de mozos da nosa Comunidade fai que haxa menos parados menores de 25 anos
Por idades o paro para os menores de 25 anos sitúase en 8.941 persoas, caída superior no mes ao total do paro. No ano hai unha caída tamén máis acusada que no total de idades, -16,52 por cento (1.769 parados menores de 25 anos menos) fronte ao -9,7 por cento do total de idades. As razóns desta forte caída podemos atopala na saída de efectivos da nosa comunidade así como a falta de relevo xeracional.
No mes, por sectores, contraese en todos eles, en termos relativos cae máis na construción cun 3,71 por cento e agricultura co 3,01 por cento menos e anualmente,con respecto a 2015, a contracción é na construción cun -17,90 por cento e industria -14,48 por cento
  • O alto número de contratos producidos só proba a rotación e a debilidade do mercado laboral galego
No mes se producen un total de 87.509 contratos, proba da rotación que se da no mercado laboral galego e da súa debilidade para xerar postos de traballo fixos e de calidade, xa que o número de asalariados sitúase en torno a 800.000
  • A taxa de cobertura segue caendo a mínimos, só 94.000 persoas desempregadas en Galicia teñen algún tipo de prestación
A cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego en Galicia en xullo de 2016 (último dato dispoñible), é de tan só 94.372 persoas. O carácter contributivo desta prestación está en mínimos, tan só 39.097 son beneficiarios de prestación contributiva. A taxa de cobertura sitúase no 52,9 por cento, se a comparamos co mesmo mes fai un ano era de 54,6 por cento.
A media de afiliados á Seguridade Social é en Galicia de 979.105 (afiliados cotizantes en Galicia, agosto o 2016), 5.132 máis no mes, o 0,53 por cento.  E se a comparación a facemos con agosto do 2015 o incremento e de 15.909 persoas, o 1,65 por cento.