As mobilizacións programáronse ao abeiro da convocatoria da
euromanifestación da Confederación Europea de Sindicatos (CES) mañá en
Bruxelas, na que participarán máis de vinte sindicatos duns doce países
para esixiren un cambio de rumbo das políticas europeas e nacionais.
Porque así non se pode seguir.
As políticas de austeridade e recortes que puxeron en marcha os
distintos gobernos, co español á cabeza, da man da chamada troica, non
fixeron máis que acentuar as desigualdades entre uns países e outros, o
paro, a pobreza e a exclusión social. Ademais, produciuse un forte
retroceso das políticas públicas, nun contexto de progresivo
desmantelamento do estado de benestar e de eliminación de dereitos
sociais e laborais. Son xa 26,5 millóns de persoas en paro, das cales
case 6 millóns son menores de 25 anos.
Desde que en maio de 2010 as autoridades comunitarias impulsaron os
plans de axuste e cominaron aos Gobernos da Unión, entre eles o español,
a unha redución drástica do déficit e a aplicar reformas estruturais do
mercado de traballo, do sistema financeiro e das pensións, asistimos a
unha perda continuada de dereitos e prestacións e mais a un aumento
escandaloso do desemprego, que en España afecta xa a seis millóns de
persoas, das que 280.000 son galegas e, destas, 35.000 son menores de 25
anos.
Urxen outras políticas económicas e sociais orientadas a reactivar a
economía, crear emprego e avanzar cara a outro modelo produtivo. Non se
pode permitir que se siga desmantelando o estado social e perdendo
transcendentes conquistas sociais e laborais.
Neste sentido, ambos os sindicatos apoian a iniciativa da CES de lles
demandar con urxencia ás autoridades europeas e aos gobernos nacionais
un programa de investimentos en sectores como a enerxía, redes e
infraestruturas de transporte e telecomunicacións, a reindustrialización
en sectores de futuro, a educación, a formación, I+D+i, servizos
públicos de calidade ou rehabilitación de vivenda social... Proponse,
para isto, un obxectivo de investimento anual do dous por cento do pib
europeo durante dez anos para que Europa volva á senda do crecemento
económico sostible e da creación de emprego.
UGT e CCOO insisten en que basta xa de recortes porque cremos que un
novo rumbo para reactivar a economía, crear emprego e reforzar os
sistemas públicos de protección social é posible. A UE ten o potencial
para combatir a crise. É urxente tomar unha nova dirección