25N. UGT e CC OO manifestan a súa repulsa de todo tipo de violencia contra as mulleres, froito da desigualdade, situación que se agudiza na actual conxuntura de crise
- Un ano máis, este 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres neste país, xa con 45 mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou ex-parellas. É evidente que, por desgraza, esta lacra social continúa e hai que seguir loitando para erradicala.
25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Ambos os sindicatos denuncian o paso atrás que van supoñer nesta loita a lei Wert, coa supresión de educación para a cidadanía, a reforma da Administración local, que deixará máis desprotexidas as vítimas, e as modificacións lexislativas anunciadas no eido da saúde sexual e da reproducción
- Primeiro, tanto o Sindicato Nacional de CC OO de Galicia como UGT-Galicia amosan a súa repulsa de todo tipo de violencia machista, xa sexa a exercida física, psicolóxica, sexual ou economicamente, consecuencia da desigualdade entre mulleres e homes e un grave atentado contra os dereitos fundamentais.
- Corenta e cinco mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou ex-parellas amosan a gravidade da situación, pero son só a punta do iceberg de toda a violencia soportada e, na maioría dos casos, nin sequera denunciada. É evidente que cómpre máis eficacia e compromiso por parte das administracións, institucións e da sociedade en xeral para a eliminación desta lacra. Unha lacra que non cesa e mesmo aumenta en parellas novas. A Fiscalía de menores alerta de que se incrementan as causas xudiciais por razón de violencia de xénero en adolescentes de entre 15 e 17 anos.
- MÁIS DE 15.000 DENUNCIAS FORON RETIRADAS. A CRISE ESTÁ A EMPEORAR AS CONDICIÓNS PARA QUE AS VÍTIMAS ACUDAN Á XUSTIZA
- Outro dato certamente alarmante é o que ofrece o Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, onde se constata que en 2012 se produciron 128.592 denuncias, un catro por cento menos que o ano anterior, pero é que máis de 15.000, un 12,13 %, foron retiradas. Evidénciase que a crise está empeorando as condicións e poñendo trabas para que as vítimas de violencia machista acudan á xustiza.
- UGT e CC OO consideran que a loita contra a violencia de xénero debe ser unha prioridade para as administracións e non se pode supeditar ás conxunturas económicas dun país. Hai que recuperar e incrementar os esforzos económicos para combater este grave problema social.
- ALARMANTE INCREMENTO DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES EN IDADES MÁIS TEMPERÁS
- Ademais de non manter como unha prioridade na axenda política a loita contra a violencia contra as mulleres, o Goberno de Rajoy, a golpe de decretos e leis, está empeorando a situación. A lei Wert, sen ir máis lonxe, suprime a materia de educación para a cidadanía, o que supón un retroceso nos necesarios cambios de estereotipos sexistas e educación contra a violencia de xénero, xusto cando se rexistra un alarmante incremento da violencia contra as mulleres en idades máis temperás.
- Coa reforma da Administración local, as vítimas quedarán aínda máis desprotexidas ao suprimir o artigo 28 da norma vixente e desaparecer as competencias municipais de igualdade e en contra do aprobado polo mesmo Goberno canto á necesaria colaboración con comunidades autónomas e corporacións locais para proporcionar asistencia social integral ás mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos seus fillos e fillas.
- Como ambos os sindicatos consideran que a independencia económica é clave á hora de saír do abismo da violencia, reclaman o impulso e desenvolvemento do programa de acción específico de inserción sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. E que as medidas destinadas a este fin non se limiten a subscribir ou renovar algúns acordos con grandes empresas para a súa contratación, tendo en conta que, ademais, estes contratos están bonificados. Aquí é onde debe ser esencial o traballo coordinado entre os interlocutores sociais e o Goberno para mellorar a actuación das empresas, tanto en materia de contratación como na vixilancia e control do respecto aos dereitos laborais das vítimas.
- CCOO e UGT tamén consideran violencia contra as mulleres decidir sobre a súa saúde sexual e reprodutiva. Por iso, os dous sindicatos defenden a lei vixente nesta materia e no referido á interrupción voluntaria do embarazo e manifestan o seu rexeitamento ás modificacións normativas anunciadas polo ministro de Xustiza, que farían perder un dereito conseguido despois de moitos anos de loita.
- Aínda que ambos os sindicatos valoran os esforzos e recursos postos en marcha a partir da Lei 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e os logros acadados, consideran que urxe unha maior vontade e decisión política para coñecer e combater as causas que inciden na persistencia da violencia de xénero.
- A NEGOCIACIÓN COLECTIVA, UN INSTRUMENTO IMPORTANTE NESTA LOITA
- Por todo isto, UGT e CC OO demandan unha maior sensibilización sobre o problema e máis información ás vítimas; o aumento dos investimentos en materia de igualdade; a recuperación e reforzamento das accións contra a violencia de xénero no ámbito educativo; e mellorar a colaboración entre todas as administracións competentes, co fin tamén de coordinar a todo o colectivo de profesionais comprometido no tratamento das vítimas: persoal sanitario, dos servizos sociais, corpos de seguridade, xudicatura ou servizos de emprego.
- Pola súa banda, ambos os sindicatos reafirman o seu compromiso para garantir, a través da negociación colectiva, a protección laboral das vítimas e sensibilizar os negociadores en materia de igualdade e contra esta lacra, co fin de previr e eliminar calquera forma de violencia, o acoso sexual ou o acoso por razón de sexo no eido laboral.
- Haberá que incluír protocolos de actuación contra todas as formas de violencia contra as mulleres nos convenios colectivos e nos plans de igualdade, e tamén se aposta por colaborar coas distintas administracións na posta en marcha de medidas para previr, combater e eliminar a violencia contra as mulleres en calquera das súas manifestacións.