xoves, 30 de maio de 2013

CONGRESO UGT-GALICIA. 2013.







  A Secretaria de Organización e Comunicación de UGT-Galicia, Irene Martínez, e o secretario xeral do Sindicato, José Antonio Gómez, presentaron ante os medios de comunicación o 11º Congreso de UGT-Galicia que se vai celebrar os días 31 de maio e 1 de xuño no Pazo de Congresos en Santiago (San Lázaro).

José Antonio Gómez anuncia que se presentará á reelección

300 delegados debatirán e deseñarán o modelo organizativo da UGT en Galicia para os vindeiros catro anos e elaborarán un programa de acción coas liñas de actuación para saír da actual conxuntura

 

 
 
No Congreso, como máximo órgano de dirección do Sindicato, marcaranse as pautas de traballo de UGT-Galicia de cara aos vindeiros catro anos, deseñarase o seu modelo organizativo e un programa de acción que de resposta ás actuais necesidades dos traballadores e dunha sociedade en xeral moi marcada pola crise que se está a vivir. Para todo isto, elixirase unha nova Comisión Executiva que afrontará este traballo nos próximos catro anos.
A secretaria de Organización e Comunicación de UGT-Galicia apuntou na súa intervención á importante labor desenvolvida polo Sindicato nos seus últimos 125 anos de vida, 34 no caso de UGT-Galicia. Destacou que houbo momentos para todos de moita ledicia nos que se conseguiron moi importantes avances no eido social e laboral para os traballadores e a sociedade en xeral pero agora toca vivir momentos máis duros, marcados por unha fonda crise que afecta ao eido económico, laboral e social, quizais os anos máis delicados das últimas décadas da historia deste país.
Explicou que o lema do Congreso vai ser “A unión, o traballo, a acción e a solidariedade”, todos eles principios que van inspirar os traballos a desenvolver no Congreso.
Congreso ao que están convocados 300 delegados, reducíndose o número en relación a hai catro anos, todos eles elixidos democraticamente, 195 procedentes do eido das federacións de nacionalidade e 105 das unións comarcais. Concretamente, deste total, 124 son mulleres, o que supón o 42,7 por cento, unha porcentaxe moi significativa que amosa o cambio vivido nos últimos anos na Organización que vai parella á importante incorporación da muller ao eido laboral. De feito, hai catro anos esta porcentaxe era de 34 puntos.
O Congreso contará coa presenza da Comisión Executiva Confederal, concretamente, o día da apertura, o 31, intervirá o seu secretario xeral, Cándido Méndez, e o día da clausura, o 1 de xuño, o secretario de Organización e Comunicación, José Javier Cubillo. Tamén asistirá unha representación doutras comundades autónomas e por parte das federacións estatais, así como, da UGT de Portugal.
Martínez concretou que UGT-Galicia celebra este Congreso contando con 61.000 afiliados e sendo a primeira forza sindical en Galicia con 5.578 delegados, o que supón unha representación do 35,12 por cento das forzas maioritarias.
Quixo deixar claro que nestes últimos anos o Sindicato tivo que afrontar unha forte presión nos seus servizos para amparar as necesidades dos traballadores como consecuencia da crise e deu, ao respecto, unha cifra moi siginificativa, nos últimos catro anos rexistráronse case 600 actuacións de asesoramento a comités ou delegados de persoal como consecuencia de ERE`s, modificacións substanciais das condicións de traballo… Algo que tamén se deixou sentir nor servizos xurídicos cun incremento moi elevado das accións.
Aclarou que o Sindicato está máis forte do que a algúns lles gustaría. A rebufo da crise económica, política e social que vive o país, UGT nestes últimos tempos está a vivir a presión e intentos de reducir a nosa lexitimidade e capacidade de actuación.
Explicou que das comisións e plenario sairán os estatutos do Sindicato, normativa interna, programa de acción e progama fundamental. Pero para chegar ata aquí xa houbo moitas xornadas de traballo nas que se presentaron 881 emendas a raíz das cales se tomarán importantes decisións, sobre todo, en materia organizativa, recursos e no plano da acción sindical e no eido reivindicativo.
Na súa intervención, o secretario xeral de UGT-Galicia indicou que afrontamos este 11º Congreso con preocupación e responsabilidade. Contextualizouno nunha dramática situación, con máximos históricos en niveis de desemprego en Galicia e cada mes que pasa máis familias xa non teñen ningún tipo de ingreso e cruzan o limiar da pobreza. Precisou que o Congreso vai desenvolverse en torno a estas problemáticas, recesión, desemprego, recortes e desafiuzamentos.
José Antonio Gómez dixo que a responsabilidade do Sindicato é que do Congreso saia un programa de acción que de resposta aos traballadores e que é fundemantal manter a súa confianza, sobre todo, coa responsabilidade que nos da o feito de ser a primeira forza sindical en Galicia. Amosou o seu convencimento de que os cambios para mudar a actual situación de crise virán das propostas sindicais. Reafirmouse en que non cabe a resignación e que hai outro xeito de facer as cousas para saír da crise. Considera que os gobernos español, galego e as institucións comunitarias xa amosaron que non son capaces nin de resolver a crise nin de encender unha mínima luz de esperanza que axude a saír da recesión.
Criticou as políticas de axuste fiscal impostas e as reformas que non conseguiron nin a consolidación fiscal nin reducir a débeda pero si trouxeron máis desemprego. Incidiu en que outro camiño é posible.
UGT vai dar a súa resposta, como ven facendo nos seus 125 anos de historia, a través do diálogo social e a mobilización. Imos demandar unha política cara o crecemento e o emprego, xa non caben máis políticas de axuste ou contrareformas.
Apostou tamén para traballar nos vindeiros anos pola unidade de acción con CCOO e con outras organizacións sindicais, buscando a confluencia tamén con outras organizacións sociais que persigan os mesmos fins.
Reclamou a posta en escena de bases sólidas para un novo modelo produtivo que aposte pola industria como pilar fundamental para recortar os diferenciais que nesta materia se rexistran con outras comunidades autónomas e con outros países da UE. Máis I+D+i, máis formación, máis tecnoloxía, máis eficiencia enerxética… estas son as claves.
En relación á formación, afirmou que xogará un papel clave nos vindeiros anos e falou da reasignación de coñecementos que moitos terán que encarar para saír da actual situación.
Tamén apostou por impulsar a cohesión económica e social entre os diferentes territorios da nosa autonomía e, para isto, é fundamental a defensa dos servizos públicos esenciais. Para isto, urxe flexibilizar o déficit e ir cara outro modelo fiscal que garantice máis ingresos e, por suposto, todo acompañado dunha maior loita da fraude fiscal. Neste senso, instou á Xunta a que asuma cambios a nivel da autonomía en materia fiscal xa que ten marxe e capacidade para elo.
José Antonio Gómez apostou por unha verdadeira reforma financeira que terá que vir despois da inxección de diñeiro público nos bancos e caixas, é necesario que este investimento de todos revista nas familias e nas empresas. Concretamente, en Galicia pode crearse unha banca pública que xurda da entidade que xa foi nacionalizada e cumpra estes fins.
Á Xunta esixiulle que poña o diñeiro público ao servizo do emprego, o tecido produtivo e os servizos públicos de calidade.
Tamén se dirixiu á CEG para que desbloquee a negociación colectiva, xa que en Galicia hai 225.000 traballadores cos seus convenios nesta situación.
Finalmente, concluíu a súa intervención anunciando que se presentará á reelección como secretario xeral de UGT-Galicia.