A Secretaria de Políticas Sociais, Emprego e Seguridade Social de UXT, Mari Carmen Barreira, afirmou a necesidade de “alcanzar un acordo social e garantir dunha vez por todas e para sempre a sustentabilidade do sistema de pensións”.
Mari Carmen Barreira realizou estas declaracións na xornada de Inverco sobre pensións celebrada hoxe en Madrid, onde sinalou que “os actores sociais temos unha especial responsabilidade co sostemento do sistema, co seu presente e co seu futuro.
Temos que dar unha resposta social e financeiramente viable para garantir definitivamente a sustentabilidade do sistema de pensións”.
Un sistema que ten algunhas dificultades, “como o déficit de entre 15.000 e 18.000 millóns de euros que é preciso solucionar; ou unha reforma de 2013 que foi fortemente contestada na rúa, que o Congreso suspendeu de aplicación e que contén un Índice de Revalorización e un Factor de Sustentabilidade que quedaron completamente desacreditados”.
Neste sentido, lembrou que a Comisión do Pacto de Toledo chegou a un consenso para suprimir este índice de revalorización e volver ao mantemento do poder adquisitivo.
“A maioría das forzas políticas están xa convencidas de que hai que buscar unha nova vía para asegurar a sustentabilidade do sistema”, manifestou.