O dicionario da Real Academia Galega define idioma como a «lingua natural propia dunha comunidade humana, especialmente a lingua moderna dunha nación». Ante un novo 17 de Maio, Día das Letras Galegas, as Comisións Executivas da Unión Xeral de Traballadores de Galicia e do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia poñemos en primeiro plano esta definición para subliñarmos a importancia capital da lingua galega para a propia comprensión e concepción do noso país.
O
galego, como idioma, é vehículo de comunicación para unha ampla parte
da nosa sociedade, tanto para quen o ten como lingua propia como para
quen o usa de xeito ocasional. É, así mesmo, a canle para transmitir a
cosmovisión que conforma a nosa idiosincrasia como pobo. Unha lingua con
mil anos de historia que decote renovan as persoas que a falan para
mantela como idioma de presente e de futuro.
Xa
o temos dito en anteriores ocasións e non cansaremos de repetilo, alto e
claro: o galego perténcelle a toda a sociedade. Trátase da maior
creación colectiva do noso pobo, un verdadeiro monumento perfilado e
tallado ao longo dos séculos. Correspóndelle, xa que logo, ao pobo de
Galicia preservalo de xeito mancomunado, responsable e orgulloso.
Con
todo, aínda persisten en numerosos ámbitos os impedimentos para un uso
normal do galego, perpetuando prexuízos que callan especialmente entre a
mocidade, cada vez máis refractaria ao idioma propio do país. Por se
fose pouco, o mal chamado decreto do plurilingüismo rebaixou o peso do
galego no ensino e a contrarreforma educativa (a lomce) degradou as
linguas cooficiais distintas do castelán. Ambas as normas hipotecan
gravemente o futuro deste herdo colectivo.
Ao
tempo que isto acontece, e coa escusa da crise económica, o noso
Goberno reduce ano tras ano o orzamento destinado á normalización
lingüística, que xa minguou un 70 % desde o regreso do PP á Xunta. Isto
debe mudar decontado, porque os poderes públicos teñen encomendada a
misión de normalizar plenamente os usos da lingua galega, de acabar coas
aínda numerosas trabas para unha vida plena e normal en galego. Porque
só equiparando plenamente o galego á outra lingua oficial de Galicia
será posible falarmos de «liberdade».
O homenaxeado, Carlos Casares
- AUDIO