Estacionalidade e precariedade marcan os datos do paro de abril
O 70 por cento da caída do desemprego dáse no sector servizos, polo impacto positivo da Semana Santa, e tan só o 8,37 por cento dos contratos son indefinidos
Á vista dos datos facilitados hoxe polo SEPE relativos ao paro rexistrado en Galicia no mes de abril, e se se fai unha comparativa coas estatísticas da EPA do primeiro trimestre (que eran moi negativas), resulta evidente que a diminución do desemprego en abril está condicionada polo efecto Semana Santa, é dicir, trátase dun emprego estacional. Neste senso, UGT-Galicia reitera que os gobernos central e o da Xunta se están a equivocar na consolidación dun modelo de emprego estacional e precario.
As tendencias que se están configurando no mercado de traballo
galego son preocupantes. Xiran ao redor de tres eixos. Por unha
banda, precariedade, cunha proporción de contratos indefinidos sobre
o total que non supera o 8,37 por cento.
Tamén se certifica, un mes máis, a extensión da precariedade no
propio desemprego, que se reflicte cun descenso continuado dos
beneficiarios de prestacións, das contías medias, do gasto e, en
última instancia, da taxa de cobertura, que non supera o 51,8 por
cento, deixando fóra dos sistema de protección a máis de 110.000
persoas en situación de desemprego. Así, o número de beneficiarios
é de 100.006, rexistrándose unha nova caída anual, 13.691
beneficiarios menos que en marzo de 2016.
Por último, outro elemento que define o mercado laboral galego é
que a recuperación do emprego estase baseando nun modelo produtivo
xa coñecido, cun marcado carácter estacional que permite melloras
en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menor valor
engadido. Así o evidencia o feito de que o 70 por cento da caída do
desemprego no mes se de no sector servizos.