A muller sofre discriminación no
acceso ao emprego, nas modalidades de contratación, na duración da xornada, nas
interrupcións de carreira para o coidado de familiares e, todas elas acentúan a
súa precariedade tras a xubilación.
Segundo os datos da Enquisa de
Estrutura Salarial de 2014, últimos datos oficiais que coñecemos, dados a
coñecer en outubro deste ano, a diferenza dos salarios medios brutos anuais
entre mulleres e homes sitúase nun 23,25% mentres que a diferenza de salario
hora é dun 14%. Mentres que eles percibiron, de media, 25.727,24 euros anuais,
as mulleres recibiron 19.744,82.
Se a unidade de medida é pequena
(salario hora), a diferenza é menor que se sumamos esa diferenza ao longo do
día, da semana, do mes ou do ano. Dous euros de diferenza nunha hora, son 16
nunha xornada de oito ou 5.982,42 euros anuais menos de media nun ano. Unha
diferenza que, acumulada ao longo da vida laboral ascende a 209.385 euros
menos.
Das 7.901.500 mulleres que
traballaron en 2014, 2.021.600 mulleres fixérono a tempo parcial. Unha de cada
catro mulleres traballadoras ten un contrato a tempo parcial e máis dun millón
e medio accederon a este tipo de xornada como única forma de entrar no mercado
laboral pero non por vontade propia.
Unha traballadora a tempo parcial
recibiu de media 9.690,50 euros brutos anuais en 2014, moito menos da metade do
que cobraron as mulleres con xornada a tempo completo que recibiron 25.041,50
euros e a terceira parte do que gañan os homes con xornada completa, 28.318,14
euros.
Ademais, segundo a Enquisa de
Estrutura Salarial, un millón e medio de mulleres en España cobran, como máximo
o SMI, 9.034,20 euros anuais brutos, unha cifra que se reduce a menos da metade
-739.363- homes e só una de cada tres pensións do sistema contributivo da
Seguridade Social percíbea unha muller. Tomando como referencia o tramo de
idade de 65 a
69 anos, mentres que os homes reciben unha pensión media de 1.327,20 euros, as
mulleres só perciben 860,79 de forma que a brecha neste tramo alcanza o 35,14%.