mércores, 5 de novembro de 2014

NOTAS.: PARO EN SETEMBRO.








UGT alerta que tan só 122.330 desempregados cobran prestación en Galicia e, deles, 68.695 ou un subsidio ou a renda activa con contías mínimas




Os datos de paro rexistrado feitos públicos hoxe obrigan a rebaixar as previsións triunfalistas dos gobernos, tanto o central como o galego, no referente ao mercado laboral e evidencian que aínda son moitos os problemas que se rexistran e que o desemprego segue a ser a gran lacra que ten que solucionar este país. Ademais de que se incrementasen o número de persoas paradas neste último mes, as taxas de cobertura continúan descendendo, cada vez son máis os que xa non teñen dereito a unha prestación contributiva e pasan a cobrar subsidios ou a renda activa de inserción, ambas con contías mínimas para subsistir, o que está a provocar que sexan xa moitas as familias que cruzan o umbral cara a exclusión social.


O desemprego increméntase en Galicia en case 6.000 persoas. UGT xa reiterou que o último trimestre do ano sería a radiografía real do mercado laboral
Cada vez son máis as familias que cruzan o umbral cara a exclusión social e a pobreza
Santiago, 4 de novembro de 2014.- Os datos de paro rexistrado feitos públicos hoxe obrigan a rebaixar as previsións triunfalistas dos gobernos, tanto o central como o galego, no referente ao mercado laboral e evidencian que aínda son moitos os problemas que se rexistran e que o desemprego segue a ser a gran lacra que ten que solucionar este país. Ademais de que se incrementasen o número de persoas paradas neste último mes, as taxas de cobertura continúan descendendo, cada vez son máis os que xa non teñen dereito a unha prestación contributiva e pasan a cobrar subsidios ou a renda activa de inserción, ambas con contías mínimas para subsistir, o que está a provocar que sexan xa moitas as familias que cruzan o umbral cara a exclusión social.
Fronte a isto, o Goberno da Xunta pon enriba da mesa un proxecto de Orzamentos para a Comunidade para o 2015 que recollen contías claramente insuficientes en materia de políticas activas para intentar resolver ou contribuír a mellorar a actual conxuntura.
UGT-Galicia insiste en que, dentro do marco do diálogo social aberto o pasado 29 de xullo entre o Goberno, sindicatos e empresarios, urxe un acordo que garanta unha mínima cobertura para aquelas persoas en situación de desemprego que xa agotaron todas as prestacións e están nunha difícil situación, sobre todo, os parados de longa duración. Lembrar que en Galicia xa hai máis de 150.000 desempregados que levan máis dun ano nesta situación pero é que 105.200 xa superan os dous anos.
Neste contexto, hai que lembrar que só en Galicia o aforro en prestacións por desemprego superará a finais de ano os 300 millóns de euros. Froito desta situación, precisamente, das situacións de cronificación de desemprego para moitas persoas que os exclúe progresivamente do sistema de prestacións. Esta cantidade debería retornar para dar ingresos suficientes ás familias e investir en políticas activas de emprego.

Continuando coa análise dos datos, estes indican que no mes de outubro rexistráronse en Galicia 244.044 desempregados, aumentando en 5.841 persoas en relación ao mes anterior, o que supón un 2,45 por cento máis. No conxunto do Estado este incremento foi do 1,78 por cento. En relación ao mesmo mes do ano anterior, o paro baixou en Galicia nun 9 por cento, con 24.181 desempregados menos.

De novo, un mes máis, detéctase unha importante contracción na poboación en idade de traballar pola saída cara fóra e o retorno de inmigrantes cara o seu país de orixe. De feito, continúa rexistrándose a caída do desemprego entre a poboación estranxeira.
Por sexos, no mes, o desemprego medra nun 2,74 por cento entre os homes e nun 2,2 por cento entre as mulleres. En termos interanuais baixa nun 11,21 por cento entre os homes e o 6,99 por cento entre as mulleres.

Provincialmente, na Coruña o desemprego medra nun 1,6 por cento, o 2,6 por cento en Pontevedra, o 3,97 por cento en Lugo, e o 3,72 por cento en Ourense. En relación a hai un ano o paro baixa en todas, o 10,85 por cento en Lugo, o 9,32 por cento na Coruña, o 9,01 por cento en Ourense e o 8,3 por cento en Pontevedra.

Entre os menores de 25 anos o desemprego afecta en Galicia a 13.524 persoas, o que supón unha baixada do 2,7 por cento e, nada menos, que do 20,47 por cento en relación a hai un ano. UGT-Galicia considera que a saída de efectivos cara desta Autonomía na busca de emprego e dun futuro mellor está detrás desta realidade estatística.
Por sectores o paro increméntase en servizos, o 3,69 por cento, o que supón o 92,24 por cento do total do aumento do paro. Interanualmente cae en todos os sectores, con máis contundencia na construción e na industria.

A contratación diminúe o 2,72 por cento no mes, mentres no resto do Estado medra un 4,14 por cento. A contratación indefinida medra nun 7,83 por cento e cae e temporal nun 3,61 por cento. A porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total é no mes de outubro en Galicia do 8,42 por cento.

Para UGT-Galicia, resultan realmente preocupantes, case que alarmantes, os niveis de cobertura por desemprego que continúan baixando. Sendo de 122.330 persoas, baixando nun mes en 2.062, o que supón unha taxa do 56,22 por cento. Cando hai un ano esta era do 60,2 por cento.

Pero é que cada vez son máis os que xa non teñen dereito a percibir unha prestación contributiva, pola cronificación do desemprego, e pasan a cobrar un subsididio ou renda activa de inserción, con contías moi limitadas e que fan difícil que as familias afectadas poidan chegar a fin de mes. Pero é que non se pode esquecer que hai un 116.000 desempregados que non cobran nada. Neste caso o risco de exclusión social é máis que evidente.

Outro dato especialmente negativo é a media de afiliados á Seguridade Social, que empeora no mes, ao contrario do que sucede no resto do Estado. En Galicia hai 3.909 afiliados menos. Resulta moi preocupante que haxa tan só 932.760 afiliados nesta Autonomía. Este é un indicador moi significativo de que a situación, en termos de emprego, non remonta.