xoves, 14 de maio de 2020

DIÁLOGO SOCIAL




UGT-Galicia insta á Xunta a traballar, no marco do diálogo social, nun amplo paquete de medidas para atender as necesidades sociais e reactivar a economía na conxuntura de desescalada

















Unha representación de UGT-Galicia, encabezada polo seu secretario xeral, José Antonio Gómez, reuniuse hoxe pola tarde co presidente da Xunta, a través dunha videoconferencia, na que o Sindicato demandou, na conxuntura actual e dentro do contexto do diálogo social, un espazo de traballo para elaborar un plan que contemple un paquete de medidas para atender as necesidades sociais e reactivar a economía. No actual contexto de desescalada tamén urxen protocolos para todos os sectores públicos e privados que permitan abordar este proceso respectando sempre a seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras.

  • Nesta xuntanza, ademais do secretario xeral de UGT-Galicia estiveron a secretaria xeral de FeSP-UGT-Galicia, Irene Martínez; o secretario xeral de UGT-FICA-Galicia, Javier Carreiro; e o secretario xeral de FeSMC-UGT-Galicia, Eladio Romero.

  • Neste senso, UGT-Galicia insiste en que neste momento a protección da saúde das persoas ten que ser a máxima e indiscutible prioridade de toda a sociedade, pero tamén é preciso dar unha resposta adecuada á profunda crise social, económica e laboral que xerou a pandemia do COVID-19.

  • Todos somos conscientes do durísimo impacto da crise do COVID-19 na saúde das persoas, na economía, o traballo e na sociedade. A única maneira de afrontar con éxito esta situación é a partir de responsabilidades compartidas e claras, con sentido da realidade inmediata e á vez con perspectiva a medio e longo prazo.

Responder ás necesidade sociais, preparar a actividade económica e o mundo laboral, deseñar protocolos de desescalada, analizar os diferentes sectores económicos, anticiparnos á previsible segunda ola de ERTES e deseñar un plan de medidas económicas para acelerar a recuperación.